DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha andaina similar á primeira que tivo lugar en 1999

A UVigo celebrará o 18 de novembro 25 anos das súas rutas culturais

Ao longo deste período realizáronse máis de 230 roteiros nos que participaron unhas 15.000 persoas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 02/11/2023

O vindeiro 18 de novembro a Universidade de Vigo celebrará os 25 anos das súas rutas culturais. Farao cunha andaina similar á que en 1999 arrancou a programación desta iniciativa, xurdida para fomentar o coñecemento da contorna.

A programación foi presentada este xoves nun acto no que estiveron Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo; Xabier Rial, director técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte; Rodrigo Alberte, técnico desta área no campus de Ourense; José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros universitarios, e Antonio Vázquez, técnico de Xeitura. Nas súas palabras destacouse o carácter pioneiro destas andainas cando comezaron hai 25 anos e como desde entón son un exemplo de “simbiose entre universidade e sociedade”, mesturando  persoas de diferentes campus, idades e nacionalidades. O seu éxito ao longo destas décadas, indicouse, foi posible grazas ao apoio institucional recibido desde a propia Universidade e “á ilusión e compromiso” das persoas que participaron, desexando que este éxito continúe “25 anos máis”.

Esforzo, ilusión e lealdade

As rutas culturais arrancaron no ano 1999 como unha iniciativa da Facultade de Historia, da man da profesora Beatriz Vaquero, coa colaboración de Xosé Manuel Cid, Pino Díaz e José García-Calvo coa finalidade de achegar aos seu alumnado a riqueza histórico-artística do patrimonio cultural e paisaxístico de Galicia. Porén, sinalan desde a súa organización, a iniciativa “non tardou en estenderse polo resto de titulacións do campus de Ourense, incluíndo a todos os membros da comunidade universitaria (alumnado, persoal de administración e servizos e profesorado), para en pouco tempo ofertala aos demais campus de Universidade de Vigo e á cidadanía en xeral”.
 
Desde entón, sinalan desde os roteiros, “xuntos percorremos e descubrimos a xeografía galega, a lusa e mesmo a nosa veciña Castilla y León, con máis de 230 rutas realizadas, cinco Camiños de Santiago (catro deles en Ano Xacobeo), varias xornadas especiais de convivencia de fin de semana e unha cifra próxima aos 15.000 participantes, cunha chea de novas amizades e anécdotas que fan que as rutas culturais cheguen aos seus 25 anos de xeito espléndido”. Así, subliñan, “se os inicios foron un reto e manterse foi unha mestura de adaptación, esforzo e lealdade ao proxecto, chegar xuntos ata aquí foi, sen lugar a dúbidas, todo un éxito”.

A ruta do día 18 de novembro arrancará e rematará no campus de Ourense e consiste nun percorrido de ida e volta pola contorna ata o castro de Santomé, onde se desenvolverán dúas teatralizacións. De volta no edificio Xurídico-Empresarial haberá petiscos, entrega de recoñecementos e algunha que outra sorpresa. Cumprir estes 25 anos, indicouse na súa presentación, supón “unha ocasión para agradecer a todas as institucións, empresas e persoas a súa axuda e colaboración ao largo destes anos, pois sen a súa participación esta actividade non sería o mesmo”. A inscrición na andaina, aberta ás persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria, habilitarase proximamente a través do Campus Activo da UVigo.