DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa posta en marcha dun proxecto liderado por Diana Valverde, subdirectora do CINBIO

A UVigo colabora coa ONCE na investigación sobre cegueiras asociadas a ciliopatías

Este grupo de enfermidades presentan unha moi difícil diagnose

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 03/11/2023

A Universidade de Vigo e a ONCE acaban de asinar un acordo de colaboración para o desenvolvemento do proxecto de investigación Alteración da membrana mitocondrial en cegueiras asociadas a ciliopatías. Determinación de novas dianas, liderado pola catedrática Diana Valverde, subdirectora do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, da Universidade de Vigo e responsable do Laboratorio de Enfermidades Raras.

As ciliopatías son un grupo de enfermidades raras que se caracterizan por presentar defectos na estrutura ou función do cilio primario. Os cilios son pequenas protuberancias a modo de pelos que sobresaen da membrana celular e estas ciliopatías no seu conxunto afectan a arredor dun caso por cada 1.000 habitantes, e o elevado solapamento clínico entre elas fai moi difícil obter un diagnóstico preciso.

O proxecto céntrase nos síndromes de Bardet-Biedl e Alström 

O proxecto que lidera a profesora Valverde e no que colabora a ONCE céntrase no estudo de dúas destas ciliopatías, o Síndrome de Bardet-Biedl (BBS) e o Síndrome de Alström (ALMS). Os pacientes de ambos síndromes presentan obesidade e déficits neurosensoriais como distrofia retiniana e perda de audición, entre outras características.

“Os nosos estudos identificaron o metabolismo mitocondrial como posible responsable da gran variedade fenotípica destes síndromes”, salienta Valderde, ao tempo que explica que o obxectivo do proxecto é “confirmar en modelos celulares a implicación das mitocondrias na expresión das características clínicas e determinar o efecto do flavonoide baicalina que se relacionou directamente coa respiración mitocondrial, mellorando o fenotipo patolóxico de obesos”.  A comprobación do efecto deste composto en modelos celulares podería, a xuízo da directora do proxecto, achegar información ao respecto do seu mecanismo de acción sobre a membrana mitocondrial, consolidando o seu interese como coadxuvante de outros tratamentos”.

A ONCE, coa investigación

A sinatura deste acordo de colaboración enmárcase no marco do programa Axudas á Investigación en Visión dirixido a apoiar e estimular o coñecemento científico máis avanzado e innovador na prevención da cegueira e o desenvolvemento de terapias efectivas para quen teña ou poida desenvolver problemas graves de visión. Trátase, segundo apuntan desde esta entidade, de devolverlle á sociedade o investimento solidario que realizan cada día miles de cidadáns coa compra dos diferentes produtos de loterías responsables da ONCE.