DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto ao público, desenvolverase o vindeiro luns 22 de xeito virtual

A UVigo conmemora o Día Europeo de Mediación cun debate sobre o benestar das persoas en conflito 

Tres especialistas afondarán na importancia da empatía e as emocións á hora de alcanzar acordos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Académica
DUVI Pontevedra 19/01/2024

Creada en 2019 co obxectivo de contribuír á resolución de controversias que poidan afectar á convivencia na institución académica, a Unidade de Convivencia e Resolución Positiva e Resolución Positiva de Conflitos (ConviveUVigo) promove cada ano un acto conmemorativo do Día Europeo da Mediación, dirixido a afondar nos múltiples aspectos que inciden neste proceso de resolución de conflitos a través do acordo entre as persoas implicadas. Neste 2024 farao o vindeiro luns 22 cunha mesa redonda de carácter virtual, centrada na mediación “máis aló dos acordos”, como sinala a directora desta unidade, Francisca Fariña. “Ademais de acadar un acordo, a mediación permite promover o benestar das persoas que están nunha situación de conflito se ten a orientación adecuada”, engade esta catedrática, que pon o foco na importancia que nestes procesos xogan “as emocións, a empatía ou o apoderamento”.

Afondar nestes aspectos será o obxectivo central dunha mesa redonda que se desenvolverá entre as 16.30 e as 18.30 no Auditorio Principal do Palacio de Congresos virtual da UVigo en Campus Remoto. Aberta a toda a cidadanía e con certificación de asistencia, trátase dunha actividade organizada coa colaboración da Conferencia Universitaria Internacional para el Estudio de la Mediación y el Conflicto (Cuemyc), a Cátedra Unesco Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade e a Comisión PEA-Unesco da Facultade de Ciencias dad Educación e do Deporte. Inserida tamén nas sinerxías establecidas coa Cuemyc, que presta apoio ao labor desta unidade cando o caso o require, este debate contará coa participación de dous membros da conferencia, a profesora da Universidad de Oviedo Mayte Méndez, que falará da empatía nos procesos de mediación, e Javier Wilhem, presidente da Sección de Alternativas para a Resolución e Xestión de Conflitos do Colexio Oficial de Psicoloxía de Cataluña e profesor da Universitat Pompeu Fabra, que abordará a escoita psicolóxica nestes procesos. O debate contará tamén cun relatorio da avogada, notaria e mediadora Graciela Curuchelar sobre resiliencia e adaptación positiva e pecharase cun coloquio cos asistentes. 

Procesos que axuden ao benestar das persoas

Tras centrarse o pasado curso na Ley 3/2022 de Convivencia Universitaria, esta actividade porá nesta ocasión o foco en que os “conflitos cotiáns entre compañeiros de traballo, veciños ou familiares”, ademais de acadar un acordo, requiren tamén en moitas ocasións de “reconstruír relacións”, como recoñece Fariña. “Non estamos falando de terapia, pero si de que os resultados da mediacións sexan terapéuticos, axuden ao benestar das persoas naqueles casos nos que se necesite e nos que proceda”, engade. Neste punto, a responsable de ConviveUVigo lembra que, ao igual que non todas as técnicas de mediación teñen este enfoque, tamén está o caso das persoas "que só queren chegar a un acordo e non abordar outras cuestións e iso a mediación ten que respectalo, ademais de que tamén resulta positivo, porque son persoas que queren resolver o conflito, evitando en moitos casos procesos xudiciais”.