Banner superior do apartado convivencia

Convivencia

Unidade de Convivencia e Xestión Positiva de Conflitos


Na Universidade de Vigo traballamos e convivimos persoas pertencentes a diferentes colectivos: estudantes, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos. Todas e todos temos as nosas propias necesidades, funcións e roles, mais conformamos unha comunidade altamente conectada con múltiples relacións. nas que poden xurdir conflitos. De non se xestionar correctamente, estes conflitos poden afectar negativamente a convivencia e deteriorar as relacións laborais e persoais. A forma de xestionalos e de resolvelos é fundamental para o benestar dos membros da comunidade universitaria e tamén para o seu rendemento e a súa eficacia.

Fomentar a convivencia e a xestión positiva de conflitos e de controversias é unha das prioridades da nosa universidade. Isto motivou a creación da Unidade de Convivencia e Xestión Positiva de Conflitos (#ConviveUVigo). Velaquí as súas funcións:

  • Levar a cabo tarefas de mediación cando o requiran directamente os membros da comunidade universitaria ou por derivación das vicerreitorías, centros, departamentos e servizos.
  • Formar a comunidade universitaria, especialmente os cargos académicos e as persoas xestoras, en «xestión e en resolución de conflitos: habilidades de comunicación e técnicas de mediación».
  • Deseñar e aplicar campañas de sensibilización e de difusión sobre os beneficios da convivencia positiva para as persoas, os grupos e as organizacións, dentro da Universidade de Vigo.
  • Realizar campañas de difusión sobre os beneficios dos métodos alternos de resolución de conflitos, en especial da mediación, dentro e fóra da institución.
  • Impulsar redes de colaboración da Unidade de Convivencia e Xestión Positiva de Conflitos, dentro e fóra da institución, para optimizar os recursos. 
  • Calquera outro encargo que se lle requira dentro do seu ámbito de actuación.

#ConviveUVigo ofrécelles un servizo aberto a todos os órganos e aos membros da comunidade universitaria.

 

Para máis información, podes contactar coa Unidade de Convivencia e Xestión Positiva de Conflitos

convive@uvigo.gal
+34 647 343 370