DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na celebración de San Tomé, na que 160 estudantes foron recoñecidos con premios académicos

A UVigo convida o seu alumnado ‘máis excelente’ a tecer unha rede de embaixadores da institución na sociedade

O reitor, Manuel Reigosa, reivindicou “o orgullo” que representa formar parte desta Universidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 26/01/2024

Exemplos dun "conxunto de talento e esforzo que vai facer que a sociedade na que nos inserimos sexa mellor". Así se referiu o reitor, Manuel Reigosa, aos 160 estudantes que este venres recibiron no acto de San Tomé os premios cos que a Universidade de Vigo busca recoñecer a excelencia dos seus titulados e tituladas. No acto, celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, recibiron as súas medallas e insignias os galardoados e galardoadas cos Premios extraordinarios de grao e doutoramento, os gañadores e gañadoras dos Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos fin de grao e máster e dos Premios de excelencia ao alumnado que iniciou este curso os seus estudos de grao e de mestrado. Ademais do recoñecemento das autoridades académicas, premiados e premiadas recibiron tamén a petición de que se convertan en "embaixadores e embaixadoras" da institución académica e que contribúan así a que a UVigo poida mellorar nunha das súas "materias pendentes", como lembrou Reigosa, que é que "queremos ter máis influencia na sociedade".

"Entre todos e todas estamos a tecer unha Universidade moi especial", engadiu o reitor no seu discurso, unha intervención que puxo peche a un acto amenizado pola actuación musical de Mauro Maiño, Margarida Mariño e Mila Ut. Premiadas e premiados recolleron os seus galardóns arroupados polos seus amigos e familiares, así como por unha importante representación do mundo académico, económico, político e social. Entre outros, achegáronse á celebración do patrón da Universidade, o exreitor Luis Espada; o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; a concelleira de Educación do Concello de Vigo, Olga Alonso; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, así como diferentes representantes de corpos e forzas de seguridade do Estado.

Os fíos que tecen “unha Universidade moi especial”

“Pedímosvos que sexades orgullosos embaixadores e embaixadoras da Universidade de Vigo”, trasladoulle o reitor aos estudantes galardoados, aos que lembrou tamén que se formaron “nunha magnífica universidade”. Nese senso, Reigosa centrou o seu discurso en afondar nos diferentes aspectos que fan que “entre todas e todos esteamos a tecer unha Universidade moi especial”, o que o levou a iniciar a súa intervención resaltando a importancia dos centros que precederon á creación da UVigo en 1990 e que fixaron “os fíos que constrúen” a institución académica, como a preocupación pola empregabilidade dos titulados e tituladas, a súa inquedanza por ter “un impacto real na sociedade” e “fornecer de coñecemento á empresa e á industria” e por ser tamén “unha Universidade competitiva e investigadora”.

Este punto levou a Reigosa a pór o foco na “tendencia moi positiva” que presentan as cifras de captación de fondos en materia de investigación, que ascenderon no seu conxunto a 36,4 millóns de euros o pasado exercicio. En 2023, lembrou, acadáronse cifras de récord como a consecución de 5,5 millóns de euros e de 40 proxectos de investigación do Plan Nacional, “o máximo da nosa historia”, así como 39 proxectos en convocatorias internacionais como Horizonte Europa ou Interreg, aos que se suman outros 17 proxectos educativos e de cooperación, tamén europeos, que supuxeron a captación de 1,5 millóns. Conectando isto con outro dos fíos básicos da UVigo, “que é que sempre quixemos formar parte da sociedade”, o reitor destacou tamén a captación en 2023 de 6,6 millóns de euros en proxectos dirixidos “a mellorar a capacidade produtiva das empresas” e doutros 1,5 millóns en proxectos competitivos de transferencia, que se desenvolven en colaboración co sector produtivo.

Estas cifras contribúen tamén, como lembrou o reitor, a que a UVigo ocupe postos destacados en ránkings baseados unicamente en “datos obxectivos” como o de Shanghai, que sitúa á institución académica entre as 600 mellores do mundo. Outros, como a clasificación Green Metric, avalían “outro dos fíos que estasmos tecendo na UVigo” como é ser “exemplo de sostibilidade”, mentres clasificacións como as de Dyntra ou a Fundación Haz, resaltou, salientan o traballo da institución en materia de transparencia. De aí que incentivase aos titulados e tituladas a formar parte dunha “Universidade da que sentirse orgullosos” e na que, lembrou, poden continuar formándose, tanto a través das iniciativas de formación ao longo da vida como para ser futuros e futuras docentes nunha institución que “é a sétima máis envellecida de España”. Ao mesmo tempo, reclamoulles tamén que contribúan a que a Universidade poida “ter máis influencia na sociedade”, convidándoos a que se incorporen á comunidade Alumni-UVigo, que suma a día de hoxe preto de 2000 usuarios e usuarias, o 93% titulados e tituladas.

160 premios para o alumnado máis excelente

No transcurso do acto, a Universidade fixo entrega dos seus diferentes recoñecementos ao alumnado. Por unha banda, recibiron as súas distincións as 53 persoas galardoadas cos premios extraordinarios de grao correspondentes ao curso 2022/2023, nos que as mulleres, con 38, foron maioría. Destes 53, 13 corresponden ao campus de Ourense, 9 ao de Pontevedra, 23 ao de Vigo e outros 8 aos centros adscritos. No caso dos premios extraordinarios de doutoramento, concedéronse 21 distincións (14 para mulleres), 3 delas correspondentes ao ámbito de arte-humanidades; 7 do ámbito das ciencias; 2 do eido das enxeñarías e outros 9 do campo xurídico-social. Tamén se fixo entrega dos 11 premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster e das distincións aos mellores expedientes do alumnado de novo ingreso, tanto de grao como de mestrado neste curso 2023/2024, 60 e 15 galardóns respectivamente.

A satisfacción de ver recoñecido o esforzo

Entre o alumnado galardoado este venres estaba Icía Gómez, que acadou un premio extraordinario fin de grao. Ela estudou a carreira de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos na Facultade de Ciencias do campus de Ourense e continúa neste centro realizando o Mestrado en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental e contratada como técnica de investigación do grupo Food and Health Omics. Moi satisfeita de ter acadado este galardón, destacaba que supón “un recoñecemento ao esforzo dos catro anos de carreira e a verdade, senta moi ben”. Igualmente agradecida estaba Noelia Pérez, premio extraordinario de doutoramento. “Estou moi contenta, pois non o agardaba. O doutoramento sempre supón moitísimo traballo, moitísimo esforzo, e este premio recoñece non só o meu traballo senón tamén o dos meus directores e de todo o grupo que participou”, sinalou. Tras realizar o seu doutoramento no campus de Vigo en Metodoloxía e Aplicacións en Ciencias da Vida, ela continúa tamén a carreira investigadora, neste caso na USC. 

Tamén recolleron as súas distincións as persoas galardoadas nos premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de estudos. Unha delas foi Carmen María Caeiro, polo seu traballo fin de grao sobre a introdución da axenda 2030 con perspectiva de xénero usando a asemblea como recurso, que realizou no Grao de Educación Primaria no campus de Pontevedra baixo a dirección de Azucena Arias. “Este premio paréceme moi importante porque representa o compromiso cara unha sociedade máis inclusiva e que teña máis en conta a igualdade de xénero”, apuntou destacando a importancia de que na universidade se apoie “ao estudantado que temos ganas de facer cousas para cambiar a sociedade”. Para ela, subliñou, supón ademais “un impulso para seguir traballando na mesma liña”, estando na actualidade realizando o Máster Universitario en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria coa idea de seguir traballando en sostibilidade e xénero.

Por último, entre os premiados e premiadas nos galardóns á excelencia académica para o alumnado que iniciou estudos de grao e mestrado na UVigo estaba Iker López, que actualmente estuda o grao de Enxeñaría Mecánica na Escola de Enxeñaría Industrial do campus de Vigo. “É un orgullo moi grande recibir este premio, para min pero sobre todo para a miña familia, que son os que me acompañaron e apoiaron desde sempre”, afirmou o galardoado facendo extensible este agradecemento ao profesorado que tivo na súa etapa preuniversitaria. Este recoñecemento, afirmou, “supón unha motivación a maiores, porque sentes que o esforzo e a dedicación de tanto anos é recoñecida”.