DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Claustro tamén iniciou os trámites para a creación da Facultade de Enfermaría que terá tres sedes

A UVigo dótase dun Código Ético, unha Normativa de Convivencia e un Regulamento Disciplinario

O reitor anunciou a división da Vicerreitoría de Profesorado e a supresión de Relacións coa Empresa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • HRS4R
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 18/04/2023

Foi unha sesión longa e intensa, pero o primeiro Claustro deste ano 2023 permitiu aprobar normativas e documentos moi relevantes para toda a comunidade universitaria, como o Código Ético, a Normativa de Convivencia e o Regulamento Disciplinario, tres textos que xorden ao abeiro da nova Lei 3/2022, do 24 de febreiro, de Convivencia Universitaria, que substitúe o Regulamento de Disciplina Académica de 1954. Deuse tamén un importante paso no ámbito académico co inicio dos trámites para a creación da agardada Facultade de Enfermaría, que contará con sedes nos tres campus, e anunciáronse cambios no equipo de goberno derivados, segundo explicou o reitor, da recente entrega en vigor da Lei Orgánica 2/2023, de 22 de marzo, do sistema universitario”.

“A LOSU obriga a facer moitas cousas de xeito distinto a como se facían ata o de agora e vai ter un desenvolvemento moi importante tanto no ámbito do profesorado como das titulacións”, subliñou o reitor, quen explicou que en base a isto se decidiu desdobrar a Vicerreitoría de Profesorado, Docencia e Titulacións, de modo que Patricia Valcárcel, ata agora adxunta o reitor, pasará a ser vicerreitora de Profesorado e Organización Académica, mentres que o actual vicerreitor Alfonso Lago, xestionará Titulacións e Innovación Docente. Para non aumentar o número de cargos no equipo, elimínase a Vicerreitoría de Relacións coa Empresa, que ata agora dirixía José Mª Martín Moreno, cuxas responsabilidades, a partir de agora, se repartirán entre o resto de vicerreitorías, se ben tamén se decidiu crear un novo posto que axude a “darlle pulo” a estas cuestións. A maiores, os cambios chegan tamén ao equipo xerencial, neste caso motivados pola marcha a finais deste mes de María Mercedes Carraceda, vicexerenta de Economía e Asuntos Xerais, que será substituída por outra persoa que aínda non se deu a coñecer.

Novo Código Ético e Normativa de Convivencia 

A aprobación da Lei 3/2022, do 24 de febreiro, de Convivencia Universitaria, que substitúe o Regulamento de Disciplina Académica de 1954, inseriu ás universidades nun proceso de debate e negociación para a elaboración dun código ético e unha normativa propia que regule os principios fundamentais da convivencia. Tras varios meses de traballo das comisións, a sesión do Claustro deste martes debateu estes documentos, que foron presentados por Mª José Bravo Bosch, responsable de Inspección de Servizos. Tras varias modificacións, ambos foron aprobados por asentimento. 

No que atinxe ao Código Ético, Bravo Bosch explicou que ten como misión contribuír á mellora da vida das persoas e da súa contorna socioeconómica a través da docencia, da investigación e da transferencia de coñecemento. A este texto está suxeita toda a comunidade da Universidade de Vigo, tanto PDI, como PAS e estudantado e recolle os principios que deben guiar a súa conduta así como orientar aos axentes sociais, centros ou entidades que colaboran coa Universidade no desenvolvemento das súas actividades. O texto comprende oito principios éticos fundamentais: a liberdade académica, cunha dobre dimensión institucional e persoal; transparencia, que comprende rendición de contas ante a comunidade universitaria; integridade, que implica unha conduta exemplar e responsabilidade; respecto mutuo e non violencia tanto verbal como física; igualdade, defendendo o impulso, protección e respecto deste principio e da non discriminación; confidencialidade, no que atinxe ao dereito á privacidade e á protección da información persoal; calidade e excelencia e sostibilidade, tanto económica como social e ambiental.

Pola súa banda, a creación da Normativa de Convivencia establece os valores e estándares de conduta que deben ser coñecidos e respectados por todos os membros da comunidade universitaria, para fortalecer colectivamente a responsabilidade, exemplaridade, transparencia e honestidade esixibles na aprendizaxe, na docencia, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión pública encomendada. Recolle medidas de prevención e resposta contra a violencia, discriminación e acoso; principios fundamentais para a convivencia ou os medios positivos de solución de conflitos. 

Novo Regulamento de Réxime Disciplinario

Complementariamente ao código ético e á normativa de convivencia aprobouse o Regulamento de Réxime Disciplinario, un documento que, como indicou o secretario xeral, Miguel Ángel Michinel, “foi realmente sinxelo de redactar” dado que houbo un acordo dende o inicio “para que no marco do SUG se desenvolvese unha normativa común” e porque as universidades “non poden alterar nin a natureza nin os límites destas condutas e sancións”, o que fai que a normativa sexa moi semellante “non só no SUG senón no conxunto do Estado”.

O texto, que foi aprobado con 71 votos a favor, 0 en contra e 9 abstencións, recolle a tipoloxía de condutas que quebrantan a convivencia ou que impiden o normal desenvolvemento das funcións de docencia, investigación e transferencia do coñecemento e as correspondentes sancións, sen prexuízo da responsabilidade de carácter civil ou penal que puidese derivarse de tales infraccións. 

O texto establece como faltas moi graves as novatadas ou calquera outra conduta ou actuación vexatoria, física ou psicoloxicamente; acosar ou exercer violencia grave; o acoso sexual ou por razón de sexo; a discriminación por razón de sexo, orientación sexual, identidade de xénero, orixe nacional, pertenza a grupo étnico, idade, clase social, discapacidade, etc.; a alteración, falsificación, subtracción ou destrución de documentos académicos ou aplicacións e sistemas informáticos; a destrución e deterioro de maneira irreparable ou subtracción de obras catalogadas do patrimonio histórico e cultural da universidade; plaxio total ou parcial ou fraude académico; incumprimento das normas de saúde pública; suplantación a unha persoa que integra a comunidade universitaria; impedimento do desenvolvemento dos procesos electorais ou ter sido condenado, por sentenza firme, pola comisión dun delito doloso que supoña a afectación dun ben xurídico distinto, cometido nos centros universitarios, as súas instalacións e servicios ou relacionado coa actividade académica da universidade. 

Por outra banda, o documento tamén establece o que se considerará faltas graves, como por exemplo, apoderarse indebidamente do contido de probas ou exames; deteriorar gravemente os bens catalogados do patrimonio histórico e cultural da universidade; impedir a celebración de actividades de docencia, investigación ou transferencia; cometer fraude académica, cando non constitúa falta moi grave; utilizar indebidamente contidos ou medios de reprodución e gravación das actividades universitarias suxeitas a dereitos de propiedade intelectual; incumprir as normas de seguridade e saúde cando non constitúa falta moi grave; ou acceder sen autorización aos sistemas informáticos da universidade. Finalmente, serán faltas leves acceder a instalacións universitarias ás que non se teña autorizado o acceso; utilizar os servizos universitarios incumprindo os requisitos establecidos de xeral coñecemento; e realizar actos que deterioren os bens do patrimonio da universidade. 

O documento tamén detalla as sancións aplicables a cada un destes tres tipos de faltas, que no caso das moi graves pasan pola expulsión de dous meses ata tres anos da Universidade e a perda de dereitos de matrícula parcial, durante un curso ou semestre académico. No caso de faltas graves implicarían a expulsión de ata un mes, pero non aplicable durante os períodos de avaliación final e de matriculación; ou a perda do dereito á convocatoria ordinaria no semestre académico no que se cometa a falta e respecto da materia na que se tivera cometido. Finalmente, no caso da comisión de faltas leves, a sanción que se aplicará será a amonestación privada.

Dous anos para aprobar novos Estatutos e elixir novo Claustro e Consello de Goberno

Durante esta xuntanza o Claustro tamén deu luz verde á creación e composición da comisión para o estudo da adaptación estatutaria na Universidade de Vigo á nova LOSU. “Temos un prazo máximo de dous anos para aprobar os novos Estatutos e tamén, como novidade, hai que elixir un novo Claustro e un novo Consello de Goberno, así como tamén Consello de Estudantes”, explicou Reigosa no seu informe.

Para a elaboración dos novos estatutos, esta comisión deberá abordar, como destacaba o reitor no seu informe, un debate sobre a gobernanza, que inclúe o tamaño e composición do Claustro e do Consello de Goberno; as condicións para a elección da persoa que ocupe a Reitoría; e a composición e gobernanza das estruturas (centros, departamentos, institutos etc.) Tamén será preciso debater outros aspectos como a ciencia aberta e ciencia cidadá, o Consello de estudantes, a internacionalización, a creación e modificación de centros e estruturas, as unidades de Igualdade e Diversidade; o desenvolvemento da carreira profesional, o persoal auxiliar de investigación, xestión e administración e servizos, os departamentos ou estruturas que os substitúan e outras temáticas relacionadas co galego, a igualdade e diversidade.

A Facultade de Enfermaría, para o curso 2024/2025

O Claustro tamén deu hoxe os primeiros pasos para integrar as tres escolas de enfermaría públicas adscritas á Universidade de Vigo nun só centro: a Facultade de Enfermaría. Coa aprobación da memoria para a creación deste novo ente, búscase encamiñar “unha vella aspiración” tanto das escolas de Ourense, Pontevedra e do Meixoeiro como da propia UVigo, como indica o reitor, Manuel Reigosa. Tras varios anos de negociación “coas consellerías implicadas e coa Deputación de Pontevedra, xa existe un acordo para iniciar o proceso de creación dunha facultade única con docencia descentralizada nos tres campus tanto do grao como do mestrado”. Esta nova estrutura permitirá subsanar algúns dos principais problemas que sufre o actual modelo de catro centros adscritos “agudizados pola transformación das titulacións en graos e as esixencias correspondentes en canto a cualificación do profesorado ou garantía de calidade do título”, como se recolle na memoria presentada ao Claustro. 

Unha vez obtido o visto bo por asentimento do Claustro ao informe preceptivo, elevarase ao Consello de Goberno a petición de creación da Facultade de Enfermaría da Universidade de Vigo, co obxectivo de que o estudantado de novo ingreso do curso 2024/2025 nos tres campus xa inicie o grao na nova facultade. A desadscrición faríase curso a curso, mantendo ata a finalización do proceso unha dualidade que respecte os dereitos do estudantado”. 

A coordinación do centro corresponderá a un decano, que estará acompañado por dous vicedecanos, cada un nas dúas sedes restantes, e un secretario, así como unha única unidade de xestión económica e administrativa. A nova RTP deberá identificar as previsibles novas necesidades que suporá a creación desta nova facultade. 

Respecto das localización, no caso de Pontevedra será o Hospital Provincial, mentres que en Ourense e Vigo serán dúas localizacións iniciais no edificio Campus Auga e na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, a falta doutras definitivas. Ademais, o reitor tamén indicou na súa intervención que existe a posibilidade de que no futuro se poida integrar nesta facultade a escola privada de Povisa.

Futuro Instituto de Investigación de Xustiza e Xénero (IXEX)

Outro dos puntos da orde do día foi a aprobación do informe preceptivo sobre a proposta de creación do Instituto de Investigación de Xustiza e Xénero (IXEX). Co visto bo a este documento por asentimento dáse un paso máis no camiño de creación dun centro que terá como obxectivo “converterse en plataforma de referencia para o estudo de todos os aspectos asociados con xénero, o seu tratamento ao longo da historia, os cambios que se produciron ata chegar á situación actual e de servir de canle cos distintos actores públicos e privados implicados nos problemas estruturais, legais e regulatorios asociados co xénero dende unha perspectiva multidisciplinaria”, como explicou a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio.

O INEX está impulsado por un grupo de 15 docentes promotores e conta cos catedráticos Jaime Cabeza, María Lameiras e Inés Celia Iglesias como investigadores garantes. O futuro instituto estará formado por persoas investigadoras con vinculación permanente á Universidade de Vigo, cunha extensa traxectoria nas diversas áreas que desenvolverá o instituto e que acumulan máis de 50 sexenios, máis de 1 millón de euros captados como IP de proxectos e máis de 8 millóns de euros en partición de proxectos, así como arredor de 300 artigos publicados e medio cento de teses dirixidas.

As liñas de investigación abordarán áreas como a muller e o dereito; as violencias contras as mulleres; a igualdade no mercado de traballo; a muller e a identidade social; familia e xénero, mediación, xustiza terapéutica e restaurativa; muller e intelixencia artificial; fiscalidade e políticas orzamentarias ou muller e filosofía xurídica, entre outros. 

Novo Regulamento de Avaliación

Tras dous anos de traballo, nesta sesión do Claustro debateuse o novo Regulamento sobre a avaliación, a cualificación e a calidade da docencia e do proceso de aprendizaxe do estudantado. O texto xa fora levado a este órgano no pasado mes de abril de 2022 para debatelo e propoñer modificacións na redacción e contidos. Unha vez pechado o proceso de alegacións, o regulamento foi finalmente aprobado por unanimidade en febreiro na Comisión Redactora, salvo dúas cuestións relativas ás probas de avaliación continua e aos criterios de avaliación por compensación, sobre as que non houbo consenso na comisión, polo que ambos aspectos foron intensamente debatidos polos membros do Claustro para despois realizar sendas votacións para determinar o contido final de ambos puntos.

Finalmente, o novo texto completo tamén foi sometido a votación e aprobado con 85 votos a favor e 3 en contra e 18 abstencións. Esta nova normativa regulará os sistemas de avaliación e análise dos resultados da aprendizaxe adquiridos polo estudantado nas titulacións oficiais de grao e de mestrado; a convocatoria e o desenvolvemento das probas de avaliación e as incidencias que poidan presentarse durante estas; a cualificación e os procedementos de comunicación de resultados e a publicación de actas; o procedemento de revisión das cualificacións con plena garantía dos dereitos do estudantado e os mecanismos que garantan a mellora da calidade académica da aprendizaxe.

Así, entre outros temas, este regulamento inclúe normativa relacionada coa elaboración das guías docentes; o proceso de aprendizaxe, a asistencia a clases e prácticas, a titorización, o estudantado con necesidades específicas de apoio, os sistemas de avaliación continua e de avaliación global, a realización das probas e os seus calendarios, a condición de non presentado, a mención de matrícula de honra, a comunicación das cualificacións ou a revisión da mesmas. Ademais, inclúe un título sobre o uso de métodos ilícitos, no que se aborda a orixinalidade dos traballos, a realización fraudulenta de probas de avaliación, a cualificación no caso de comisión de fraude ou a impugnación polo uso de medios fraudulentos. Esta é unha temática que ata agora non estaba recollida na normativa previa. Finalmente, o regulamente tamén inclúe capítulos sobre os tribunais de avaliación, a avaliación por compensación, o proceso de mellora de calidade da aprendizaxe e as reclamación aos procesos de avaliación e cualificación. 

Esther Pillado: “Están saíndo á luz situacións que antes non se denunciaban”

Tal e como se acordara no Claustro do pasado mes de decembro, esta primeira sesión do ano foi a elixida para presentar o informe da valedora universitaria correspondente ao ano 2022, un exercicio no que se produciu, tal e como explicou Esther Pillado, un “aumento considerable” –de 29 a 40- dos expedientes incoados, algo que, ao seu modo de ver, pode deberse a que están aflorando situacións que antes non se denunciaban, máis que a que estea aumentando a conflitividade. “Haberá que ver a evolución ao longo do ano 2023, pero neste momento penso que procede facer una lectura positiva dos datos en canto considero que posiblemente están saíndo á luz situacións que antes non se denunciaban, o que é unha boa mostra de que os membros da comunidade universitaria confían no funcionamento dos instrumentos de defensa do seus dereitos dentro da universidade, o que evidencia unha clara madurez do sistema”, recalcou a valedora.

Os principais motivos que levan ao alumnado a solicitar a intermediación da valedora seguen a ser, tal e como ela mesma explicou, a avaliación por compensación, os traballos de fin de mestrado e a revisión de exames, “de aí a importancia da normativa que hoxe mesmo se aproba’. En canto á distribución das reclamacións por colectivos, apenas houbo cambios. A maioría dos expedientes tramitados refírense, como é habitual, ao estudantado (65 %), seguido a bastante distancia polo PDI (27 %) e polo PAS (8 %), se ben desde o ano 2021 se está a producir un lixeiro aumento das reclamacións presentadas polo PDI –un 10% máis nos dous últimos anos-. En canto á distribución por campus, mantense o predominio dos expedientes tratados no campus de Vigo (72%), seguido a bastante distancia por Pontevedra (20%) e Ourense (8%). En canto á análise por xénero, a valedora destacou a reclamación presentada por unha persoa que non se identifica co colectivo masculino nin co feminino o que, ao seu xuízo, “visibiliza a necesidade de adoptar medidas para evitar calquera discriminación que se poida producir no contexto universitario en relación a este colectivo”.

A maiores, a valedora tamén informou de que ao longo de 2022 se realizaron cinco mediacións, das que catro estaban relacionadas con problemas de convivencia que remataron en acordo.

Centro de Posgrao e Formación Permanente

Outro dos temas que volveu a abordarse nesta sesión do Claustro foi a transformación da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP) nun Centro de Posgrao e Formación Permanente (CPFP). A proposta xa fora previamente rexeitada na sesión do Claustro celebrada en outubro e foi retirada da orde do día na sesión de decembro a demanda de varios claustrais. A proposta volveu debaterse este martes e o vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, Alfonso Lago, defendeu o texto para poder seguir adiante coa tramitación. 

Segundo recalcou Lago, a creación deste centro é necesario para o desenvolvemento de novos títulos de mestrados oficiais de carácter transversal e estratéxicos para a Universidade de Vigo que non teñan un soporte axeitado nunha escola ou facultade; para o desenvolvemento de programas de mestrados transversais adaptados aos obxectivos de desenvolvemento sostible; a captación de estudantado estranxeiro mediante a internacionalización da oferta de programas de mestrado flexibles e adaptados; a promoción no Espazo Iberoamericano de Educación Superior; a integración dos mestrados de formación permanente no sistema interno de garantía de calidade; e o desenvolvemento de microcredenciais como unha oferta formativa que combina metodoloxías flexibles, interconectadas e innovadoras no ámbito nacional e europeo.

Este novo texto inclúe varias modificacións respecto do presentado no Claustro de decembro, como por exemplo, a incorporación de referencias á nova lei do sistema universitario; ante a petición de escolas e facultades, especifícase que dentro do marco normativo vixente, os centros seguirán a facer propostas, coa aprobación nos seus órganos colexiados, de mestrados universitarios oficiais garantindo a calidade da docencia e o uso eficiente dos recursos. A petición dos representantes do PAS, tamén se modifica o apartado 5, que detalla que o novo centro será xestionado por persoal de administración e servizos cunha estrutura acordada coas persoas representantes destes, é dicir, que a nova relación de postos de traballo deberá identificar as previsibles novas necesidades que suporá a modificación da EAFP no CPFP.

Tras a intervención de varios representantes do PAS e do PDI sobre o proceso de creación e as funcións e medios deste centro, o Claustro finalmente aprobou a creación do CPFP por 64 votos a favor, 21 en contra e 20 abstencións.

Miguel Fernández, da EEI, á fronte do Consello de Estudantes

Durante o Claustro tamén se procedeu á elección dun novo/a presidente do Consello de Estudantes, Ceuvi, un estudante que, tal e como explicou o reitor, ten que ser membro do Consello de Goberno e do Claustro. Sen necesidade de votacións, o alumno elixido foi Miguel Fernández Simoes, da Escola de Enxeñería Industrial, quen se dirixiu aos seus compañeiros lembrándolle a importancia de “ter unha participación activa e eficaz, que sexa capaz de afrontar as distintas problemáticas que ten o estudantado no seu conxunto”. Neste liña indicou que inicia esta nova etapa “con moita ilusión” e coa idea de facer unha xestión o máis integradora posible e reactivadora da representación, tanto a nivel interno como externo.

Quenda de rogos e preguntas

Na quenda de rogos e preguntas contouse coa intervención de diferentes membros da comunidade universitaria. Entre outras cuestións, tratáronse temáticas como a substitución das baixas do Persoal de Administración e servizos e a representación sindical de diferentes categorías de traballadores; a redacción dos informes de calidade dos títulos de grao e mestrado, que na actualidade se realiza por parte da persoa que coordina o título, formulándose a posibilidade de que esta xestión pase a realizarse polo persoal técnico da Área de Calidade; o voto electrónico para o alumnado ou o proceso de simplificación da convocatoria de paros académicos.