DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun estudo centrado nas empresas familiares de Galicia e do norte de Portugal

UVigo e UMinho analizan como as empresarias afrontaron os cambios na organización do traballo provocados pola pandemia

Coa participación da investigadora da Facultade de Dirección e Xestión Pública Sara Torres

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Investigación
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Pontevedra 06/07/2023

A pandemia da covid-19 provocou en 2020 provocou numerosos cambios en múltiples ámbitos da sociedade, incluíndo o laboral, obrigando a moitas empresas a desenvolver medidas de fomento do teletraballo. Coñecer como afrontaron os cambios na organización do traballo as mulleres que se atopan á fronte de empresas familiares, en Galicia e no norte de Portugal, é o propósito central do estudo que desenvolven a investigadora da Facultade de Dirección e Xestión Pública da UVigo Sara Torres e a profesora de socioloxía da Universidade do Minho Ana Paula Marques, actualmente secretaria xeral da Fundación CEER. Co propósito de coñecer as visións e experiencias de empresarias galegas, Torres e Marques mantiveron nos últimos días reunións con asociacións empresariais como Aempe e Zona Monumental, así como un encontro co decano da facultade, Enrique Varela, presidente da Conferencia Interuniversitaria dos Graos en Xestión e Administración Pública, que este xoves reuníase en Madrid co ministro de Universidades, Joan Subirats.

Os “impactos desiguais” dos cambios organizativos

A investigación de Torres e Marques parte, como explican, da idea de que “a adopción de modalidades de traballo flexible e híbridas”, como o teletraballo, a redución de horarios ou a reorganización de quendas de traballo “terá impactos desiguais en termos de xénero no contexto laboral e familiar”. De aí que o seu propósito sexa “profundar nas percepcións das mulleres empresarias” no referido a como afrontaron nas súas empresas a obriga “de transformar moitos negocios en negocios remotos”,así como a súa visión respecto das “limitacións e potencialidades” destes cambios na organización do traballo para este tipo de empresas. “No fondo, o que queremos é estudar como ven estas modalidades, se teñen sentido ou non en todas as áreas”, explica Marques. 

Nese senso, a investigación parte da idea do “flexitraballo”, termo no que engloban diferentes “modalidades híbridas”, desde o teletraballo ou o chamado home office, a quendas rotatorias ou horarios reducidos. O seu propósito é coñecer as “experiencias concretas” que empresas familiares dirixidas por mulleres levaron a cabo e se estas tiveron ou non continuidade tras a pandemia, así como os efectos que tiveron na propia configuración da empresa, xa que, como apunta Marques, as modificacións ás que obrigou á pandemia puideron mesmo contribuír ao desenvolvemento “de novas áreas, como a internacionalización ou a dixitalización”. Ao mesmo tempo, o estudo busca coñecer tamén a perspectiva destad empresarias respecto do que estes “cambios  organizacionais” supuxeron para a conciliación da vida familiar e laboral.

Para iso, levarán a cabo unha serie de “entrevistas en profundidade” con empresarias, o que motivou os encontros que mantiveron nos últimos días con responsables da Asociación de empresarios da pequena e mediana empresa de Pontevedra (Aempe) e do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, ao abeiro dunha estancia de investigación do Programa Iacobus 2022-2023 Interreg A Poctep/Xunta de Galicia/CCDRNorte. “A idea é intentar obter o maior número posible de entrevistas por sectores de actividade, na que estean representadas as áreas de negocio máis relevantes en Portugal e Galicia”, sinalan. Nese senso, con estas xuntanzas buscaron que estas asociacións “poidan ser mediadoras ou facilitadoras de contactos” con responsables de empresas familiares “de distintos sectores”.

Non obstante, Torres e Marques buscan estender ao conxunto de Galicia un traballo que a investigadora da Universidade de Minho xa iniciou cunha serie de entrevistas a empresarias lusas, dando continuidade a un proxecto previo coordinado por esta docente e que levou á creación dunha base de datos con 40.000 empresas familiares do norte de Portugal.

Reunión co ministro de Universidades

Torres e Marques presentaron tamén a investigación ao decano de Dirección e Xestión Pública, que este xoves reuníase en Madrid co ministro de Universidades, Joan Subirats. Facíao como presidente da Conferencia Interuniversitaria dos Graos en Xestión e Administración Pública (Cigap), despois de que, a pasada semana, esta facultade promovese o encontro anual desta conferencia. Levada a cabo de forma virtual, a través de Campus Remoto, esta xornada tivo como obxectico central debater o impacto da Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) nestas titulacións. Neste encontro virtual participaron representantes de 15 universidades, que definiron, como explica Varela, unha “axenda”, centrada nos cambios que a implantación da LOSU provocará “no modelo de universidade” e no contexto concreto das titulacións de dirección, xestión e administración pública.

“É unha axenda moi aberta, na que se fala de graos duais, de microcredenciais, de abrirse ao ecosistema de actores privados”, sinala o decano, que nesta xornada presentaba a Subirats a visión desta conferencia respecto dunha lei que implica en certa medida "unha nova forma de entender a universidade". Neste punto, Varela lembra a importancia outorgada no novo marco lexislativo ao desenvolvemento das chamadas "microcredenciais", programas formativos de menor duración dirixidos a unha poboación adulta. O presidente da Cigap sinala neste punto a experiencia destas titulacións, que adoitan non contar unicamente con alumnado saído da ABAU, así como as posibilidades de propostas como o "modelo híbrido" da facultade pontevedresa "como unha forma de chegar a alumnado maior de 25 anos". De aí que recoñecese como "especialmente interesante" poder expor a Subirats, "un dos maiores expertos en políticas públicas de España", o "modelo da única Facultade de Dirección e Xestión Pública de España", que conta ademiais co úniico grao con esa denominación, no que se combina unha modalidade presencial con outra virtual.