DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dous centros educativos participaron este mes no proxecto divulgativo da Área de Microbioloxía

Vendo “o invisible”

Rapazas e rapaces puideron facer cultivos de diferentes microorganismos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Institucional
DUVI Ourense 21/12/2022

Entre as actividades divulgativas que cada curso académico organiza a Área de Microbioloxía, situada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, están os seus obradoiros Vendo o invisible, que permiten a rapazas e rapaces de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria coñecer o mundo dos microorganismos e facer experimentos relacionados con eles. Este mes foron dous os centros educativos que participaron na actividade, o CEIP San Marcos de Cartelle (Ourense) e o CPI de Mondariz (Pontevedra), cos que se pechou a súa programación de 2022.

Do abstracto ao real

Estes obradoiros, desenvolvidos polas investigadoras María José Pérez Álvarez e Julia Carballo, permiten ao alumnado participante coñecer e ver “na realidade” os microorganismos (bacterias, mofos e lévedos, protozoos, microalgas e virus) que xa estudan nas aulas dos seus centros educativos. Ademais, coñecen as súas actividades, tanto as beneficiosas (como produción de alimentos, adestramento do sistema inmunolóxico, participación nos ciclos da materia, produción de medicamentos ou outras moléculas de interese) como as prexudiciais (como produción de enfermidades, degradación de alimentos e de outras substancias e estruturas).

Co obxectivo de “estimular o interese pola ciencia e atraer vocacións científicas”, os talleres habitualmente constan de dúas sesións, unha primeira que se desenvolve no centro educativo en cuestión, a onde se desprazan María José Pérez e Julia Carballo, e unha segunda nos propios laboratorios da Área de Microbioloxía da UVigo e nas instalacións da Facultade de Ciencias. Nestas sesións, as e os rapaces, guiados polas docentes, achéganse ao mundo da microbioloxía e realizan cultivos de microorganismos de distintos ecosistemas (distintas partes do corpo humano, solo, auga, aire, vexetación...) e ven o seu crecemento dunha sesión a outra. Este traballo de laboratorio complétase con actividades lúdicas que pretenden axudar á comprensión desta temática, como visionado de vídeos e o xogo cunha colección de peluches de microorganismos, adaptando a linguaxe ás distintas idades das rapazas e rapaces para conseguir que coñezan e entendan que son estes microorganismos e a súa importancia na vida humana.

Este mes, a actividade chegou a alumnado de terceiro e cuarto de Educación Secundaria Obrigatoria do CPI de Mondariz e a alumnado de terceiro de Educación Primaria do CEIP San Marcos de Cartelle. No caso deste último colexio deuse ademais a anécdota de que unha das mestras que acompañou ás nenas e nenos foi Irene Iglesias, que participou na primeira edición de Vendo o invisble no ano 2008, cando era estudante de sexto de Educación Primaria no CEIP Curros Enríquez de Ourense.