DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Protagonizado pola investigadora Loretta de Chiara, as votacións están abertas ata o 23 de abril

Un vídeo do Cinbio, entre os 10 finalistas dun concurso internacional

Elixido entre 180 propostas de 70 países no certame da World Intellectual Property Organization

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Premios
  • Investigación
DUVI 13/04/2023

Un vídeo do Cinbio, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, acaba de ser seleccionado como un dos dez finalistas dun concurso internacional organizado pola World Intellectual Property Organization (WIPO). Titulado Walking together in innovation, a peza audiovisual está protagonizada pola investigadora do grupo de Filoxenómica do Cinbio, Loretta de Chiara. A científica deseñou un método non invasivo para o diagnóstico do cancro colorrectal e adenomas avanzados en pacientes asintomáticos, ademais de ser cofundadora dunha spin-off.

Elixido entre máis de 180 pezas audiovisuais de 70 países, este vídeo competirá con outros nove na fase final deste certame co que se conmemorar o Día Mundial da Propiedade Intelectual (26 de abril), que este ano se celebra baixo o lema As mulleres e a Propiedade Intelectual: Acelerando a innovación e a creatividade. A través desta historia, que mestura a realidade coa ficción, “queremos visibilizar todas as achegas que as investigadoras do noso centro fan á sociedade e á economía grazas aos seus descubrimentos e innovación no ámbito científico”, afirma Diana Valverde, subdirectora do Cinbio e investigadora principal do laboratorio de Enfermidades Raras.

África González, Diana Valverde, Herminia Domínguez, Verónica Salgueiriño, María Formoso, María Dolores Torres e Noelia Flórez, científicas de Cinbio, participan tamén neste vídeo, no que se visibilizan as súas achegas na diagnose de diferentes enfermidades, así como os seus avances no deseño de tratamentos para diversos problemas relacionados coa saúde humana. ”A través das súas historias queremos reflectir o espírito creativo e innovador de moitas nenas que un día soñaron con inventar solucións a problemas da vida real”, sinala a subdirectora do centro, quen engade que “a mensaxe do vídeo é clara: a innovación é importante en investigación, polo que debemos fomentar a imaxinación e a creatividade das nenas máis novas, que serán as inventoras do futuro".

Fase final de votación do público: aberta ata o 23 de abril

Desde este xoves, e ata o vindeiro domingo 23 de abril, está aberta a fase final deste concurso de vídeos promovido pola WIPO, na que a través desta plataforma o público internacional poderá votar o que considere que é o mellor vídeo. India, Colombia, Malta, Nixeria, Estados Unidos, Porto Rico, China ou Tanzania son os países de procedencia do resto de vídeos finalistas, o que converte ao Cinbio no único representante de Galicia e España neste certame que se celebra a nivel mundial. 

O persoal do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina agradece o apoio da comunidade universitaria e da sociedade en xeral por “axudarnos a difundir o labor das nosas investigadoras polo mundo enteiro”.