DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O curso sobre enoloxía celebra a súa primeira edición con vocación de continuidade

Viño e astronomía para pechar os obradoiros de extensión universitaria deste cuadrimestre

A formación sobre observación do ceo é unha das xa consolidadas nesta programación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 07/05/2019

A programación de obradoiros de extensión universitaria deste cuadrimestre no campus de Ourense mantense no mes de maio con opcións que chegan ao seu remate e outras que continúan a celebrarse. Así, mentres o obradoiro de Introdución á observación astronómica acaba de pechar a súa actividade ata o vindeiro curso académico o obradoiro O viño: da esencia á emoción desenvólvese cada luns nas instalacións universitarias con todas as súas prazas cubertas.  

Aprendendo a valorar o viño galego

O obradoiro O viño: da esencia á emoción foi a principal novidade na programación deste cuadrimestre. Dirixido pola profesora da Facultade de Ciencias Concepción Pérez Lamela, a iniciativa, que se desenvolve desde principios de abril, pretende ofrecer unha visión global do mundo do viño (historia, efectos sobre a saúde ou evolución nos gustos) mediante principalmente explicacións teóricas. Ademais, co adestramento con sabores e aromas típicos e a cata de 23 viños durante as diferentes sesións, a formación tamén quere conseguir que as e os seus participantes “adquiran ferramentas expresivas” que poidan aplicar á hora de consumir este tipo de produtos para facer a experiencia máis satisfactoria.

Ao longo das sesións, as e os participantes aprenden conceptos de cata e análise sensorial, historia do viño, partes da vide e do viñedo, variedades de uva, tipos de viticultura, características de elaboración de cada tipo de viño, producións das diferentes zonas vitivinícolas, tanto estatais como internacionais, e ata o seu servizo en copas, estando previsto que remate o curso cunha visita a unha adega do Ribeiro, a de Manuel Formigo. Cun amplo panel de especialistas impartindo cada unha das sesións, a propia Concepción Pérez é a encargada de ofrecer a parte de análise sensorial e organoléptica dos viños, impartindo nocións básicas de cata para que as e os alumnos poidan identificar cada vez máis axeitadamente aromas nos caldos.

A iniciativa, comenta Pérez Lamela, xorde en colaboración con Marina Cruces e Antonio Portela, que no seu proxecto A Emoción dos Viños queren “que a xente coñeza os viños galegos e os aprecie, pois están como subestimados polo consumidor”. Segundo explica a directora do curso, o perfil de persoas participantes é moi diverso, tanto membros da comunidade universitaria como de fóra dela, destacando a alta demanda atendida e como se habilitou unha lista de agarda. “Hai afeccionados ao viño, xente que quere ter coñecementos de cata, outros que queren aprender a degustalo mellor, a entender a elaboración, etc... O denominador común é que a todos lle gusta o viño”, comenta a profesora. “Eu creo que o obradoiro que está sendo un éxito. A xente parece que está moi contenta”, comenta a Concepción Pérez apuntando a intención de dar continuidade a esta iniciativa o vindeiro curso académico.

Teoría e práctica en astronomía

Con xa case dez anos de traxectoria na programación de obradoiros de extensión universitaria do campus de Ourense, o obradoiro de Introdución á observación astronómica contou este cuadrimestre cunha ducia de inscritos e inscritas, principalmente alumnado universitario. Ao longo das 30 horas de formación impartidas por José Ramón Salgueiro, José Antonio Álvarez, Juan Carlos Garrido e Salvador Bará, as e os participantes achegáronse aos principais obxectos de observación astronómica, como lúas, planetas, estrelas e galaxias. Concretamente, ao longo das sesións leváronse a cabo conferencias sobre telescopios, o sistema solar e a vía láctea, as constelacións estelares, a observación e a fotografía da lúa, o ceo profundo e a fotografía astronómica e o seu tratamento.

Nas sesións do obradoiro, dirixido polo físico e profesor do campus de Ourense José Ramón Salgueiro, as e os participantes nesta actividade puideron tamén coñecer as técnicas de observación máis habituais e pór algunhas delas en práctica en telescopios instalados na cuberta do edificio Politécnico. Alí alumnas e alumnos puideron ver as características da montaxe e colocación destes instrumentos, a localización de constelacións e corpos celestes con eles, os programas planetarios ou a fotometría, rematando a actividade cunha observación nunha contorna de baixa contaminación lumínica.