DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será este mércores, ás 20.15 h, no Liceo de Ourense

Volve o concerto de Nadal do coro do campus

Leva por título 'Cantos no inverno alumean con fulgor'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 20/12/2022

Por segundo ano consecutivo, o coro universitario do campus de Ourense Schola Cantorum celebra este mércores, 21 de decembro, o seu concerto de Nadal. Será ás 20.15 horas no Liceo de Ourense baixo o título Cantos no inverno alumean con fulgor, facendo “referencia á esperanza e ledicia que poderemos vivir nestas festas e que gozaremos máis intensamente grazas á música”, tal e como indica a directora da formación, Ruth González.

O concerto será o “colofón” á actividade desenvolvida polo coro durante este primeiro trimestre. “O comezo de curso foi moi interesante e dinámico, con varias actuacións do coro universitario ao longo de dous meses”, comenta Ruth González. Así, detalla, a formación actuou en Vilar de Santos no marco do proxecto de dinamización rural Aldearmos; realizou unha colaboración con voluntariado de Cruz Vermella co gallo do Día Internacional das Persoas Coidadoras; participou no acto dos 20 anos do afundimento do Prestige organizado pola Facultade de Educación e Traballo Social e colaborou no espectáculo Mitic realizado en Vigo no Teatro Afundación.

De Ukuthula a Terra

Para o concerto deste mércores, comenta a directora da formación, escolleron “un repertorio variado con obras que estrearemos e outras pezas xa feitas noutros concertos deste curso”. Así, detalla, o programa está dividido en cantos sacros ou espirituais, cantos do mundo, cantos galegos e cantos do Nadal, abranguendo en total 12 pezas e podendo escoitares desde Adoramus te, de Jerry Estes; a canción tradicional zulú Ukuthula e a panxoliña galega Da rosa rosiña ata cancións moi actuais como Shallow, de Lady Gaga, e Terra, de Tanxugueiras.

Na actuación participarán “35 voces do coro ourensán, acompañadas polos mellores músicos que temos o pracer de ter ao noso carón: Alejandro Fírvida Méndez ao piano, Noel de Dios Flores na percusión, Chasua González Losada na pandeireta, Víctor Guede Garrido na guitarra e Víctor Fernández, encargado da gravación en vídeo”. Será, subliña Ruth González, “unha tarde moi emotiva e con sorpresas que agardamos gocen todos os oíntes” polo que “convidamos a todos os amantes da música coral a compartir con nós esta tarde de cantos e música”. A entrada será gratuíta e libre ata completar aforo.