DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arranca un curso impartido por Sarabela Teatro arredor do seu uso e coidado

A voz, un medio fundamental para a comunicación nas aulas

Seguiranlle formacións sobre teatro terapéutico e como expoñer(se) en público

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 16/02/2023

O  ciclo de cursos abertos do campus, destinados a aproveitar as posibilidades do teatro para mellorar a docencia e a aprendizaxe, arrancou esta semana a súa programación. Fíxoo coa primeira sesión do curso dedicado á voz, impartido por Sarabela Teatro. Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Vicerreitoría do campus de Ourense co apoio da Deputación e nada no marco das Aulas de Teatro Universitario de Ourense.

O curso de voz desenvolverase ao longo de tres sesións os días 15, 22 e 27 de febreiro, con docencia a cargo de Fina Calleja, de Sarabela Teatro. Nel afóndase no coñecemento deste instrumento fundamental para a comunicación, no coidado das cordas vogais, na respiración, no diafragma e na vocalización. O obxectivo é que as e os asistentes aprendan a usar estas ferramentas para mellorar a súa comunicación evitando provocar patoloxías relacionadas coa voz. O número de persoas inscritas ascende a dez, na súa maioría membros da comunidade universitaria ourensá.

Máis opcións

Teatro terapéutico é a segunda das opcións formativas propostas neste ciclo e xa ten o seu prazo de inscrición aberto. “Cada vez hai máis demanda doutros xeitos de facer terapia con persoas que o precisan por diversas causas e o teatro terapéutico pode axudar ao docente (futuro ou actual) a tratar diversos casos nun grupo, nunha aula”, indican desde a súa organización. Neste curso afondarase no xogo dramático e a improvisación como ferramentas de coñecemento persoal. Con docencia de Sabela Gago, terá lugar os mércores 1, 8 e 15 de marzo. Por último, ofértase a actividade Expoñer (se) en público, na que se procurará mellorar as capacidades comunicativas das e dos participantes, axudando a coñecer as claves e as técnicas para falar en público. Elena Seijo será a docente desta iniciativa que terá lugar os días 12, 19 e 26 de abril. “As exposicións en público son cada vez máis frecuentes, na etapa discente e na docente estamos e estaremos constantemente tentando comunicar o noso discurso a un grupo determinado. Facelo de xeito claro, conciso, sen ruído na comunicación é un dos obxectivos deste terceiro obradoiro”, apunta Fernando Dacosta, responsable das aulas teatrais do campus de Ourense.

Estes cursos desenvólvense na antiga capela do campus, en horario de 19.00 a 21.00 horas, e a matrícula, que se realiza a través do Campus Activo da Uvigo está aberta ata esgotamento de prazas. As taxas son gratuítas, tendo prioridade na inscrición as persoas pertencentes á comunidade universitaria. A programación foi deseñada por Sarabela Teatro para a comunidade universitaria co propósito de ser unha formación útil para mellorar a docencia e o desenvolvemento académico, abrindo unha parte das técnicas teatrais, aquelas que serven como instrumento para a docencia, á comunidade universitaria.