DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É a actividade do sistema universitario galego con maior número de matriculados

O XII Curso de Comunicación e Protocolo bateu record de participación con 359 asistentes

O papel dos consellos sociais das universidades foi un dos temas principais de debate

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI 14/05/2012

Tras dous días de intenso debate, a duodécima edición do Curso Complementario de Comunicación e Protocolo chegou ao seu fin batendo de novo récords de asistencia con 359 asistentes. Segundo o seu principal organizador, o profesor da Universidade de Vigo Fernando Ramos, este curso é a actividade do sistema universitario galego con maior número de matriculados, contando con alumnado e profesionais procedentes de todos os perfís laborais. Cun total de 26 conferenciantes, un dos principais temas de debate foi o papel que xogan os consellos sociais dentro das institucións universitarias, “responsables da función de transmisores e representantes da Universidade na sociedade”.

Entre as conclusións científicas desta nova edición deste curso complementario único en Galicia, o profesor Fernando Ramos destaca as relacionadas coa aplicación das novas tecnoloxías no mundo protocolario. Durante as conferencias os expertos coincidiron en que son ferramentas secundarias que poden facilitar o traballo dos profesionais pero deben ser empregadas con prudencia. O papel fundamental que xoga un discurso ben construído en calquera acto de comunicación; a demanda cada vez maior de profesionais do mundo da imaxe e da organización de eventos ou a importancia da experiencia persoal no labor protocolario tamén foron algunhas das conclusións que achegou este encontro celebrado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Conclusións sobre temas máis especializados

O propio Fernando Ramos interveu no curso para afondar nas celebracións do Bicentenario da Independendencia de América e concluíu que son acontecementos que deben formar parte da historia contemporánea de España. Durante as xornadas tamén se debateu sobre a cultura das flores para sinalar que tanto as flores como as plantas transcenden a súa función decorativa para converterse en elementos simbólicos do espazo público. Unha análise do novo regulamento dos Honores Militares permitiu deducir que introduce unha maior consideración ás autoridades civís mentres que os representantes da DO Rías Baixas convidados ao curso destacaron que, dado que Galicia e España conta cun valioso patrimonio vinícola, os viños deben converterse en agasallos referenciais para empresas e institucións.