É a actividade do sistema universitario galego con maior número de matriculados
O XII Curso de Comunicación e Protocolo bateu record de participación con 359 asistentes
O papel dos consellos sociais das universidades foi un dos temas principais de debate
Tras dous días de intenso debate, a duodécima edición do Curso Complementario de Comunicación e Protocolo chegou ao seu fin batendo de novo récords de asistencia con 359 asistentes. Segundo o seu principal organizador, o profesor da Universidade de Vigo Fernando Ramos, este curso é a actividade do sistema universitario galego con maior número de matriculados, contando con alumnado e profesionais procedentes de todos os perfís laborais. Cun total de 26 conferenciantes, un dos principais temas de debate foi o papel que xogan os consellos sociais dentro das institucións universitarias, “responsables da función de transmisores e representantes da Universidade na sociedade”.
Entre as conclusións científicas desta nova edición deste curso complementario único en Galicia, o profesor Fernando Ramos destaca as relacionadas coa aplicación das novas tecnoloxías no mundo protocolario. Durante as conferencias os expertos coincidiron en que son ferramentas secundarias que poden facilitar o traballo dos profesionais pero deben ser empregadas con prudencia. O papel fundamental que xoga un discurso ben construído en calquera acto de comunicación; a demanda cada vez maior de profesionais do mundo da imaxe e da organización de eventos ou a importancia da experiencia persoal no labor protocolario tamén foron algunhas das conclusións que achegou este encontro celebrado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.