DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberta ao público, terá lugar o luns 13 de novembro en Ciencias da Educación e do Deporte

Unha xornada busca promover unha reflexión sobre as “novas e vellas masculinidades”

Coa participación do profesor de secundaria Xosé Cabido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Pontevedra 02/11/2023

“Desmontar as vellas masculinidades” e promover unha visión “máis corresponsable e máis empática” da mesma constitúe, como sinala a profesora da Facultade de Educación e do Deporte Amada Traba, un aspecto “fundamental” para avanzar na consecución dunha igualdade real e efectiva. Co obxectivo de promover unha reflexión entre o alumnado universitario sobre os procesos de socialización masculinos, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolle o vindeiro luns 13 de novembro, ás 16.00 horas, a xornada É a igualdade unha cousa de homes? Novas e vellas masculinidades. Aberto ao público, este encontro contará coa participación do profesor de secundaria Xosé Cabido, “probablemente, a persoa en Galicia que máis traballou neste ámbito”, como sinala Traba, que lembra a ampla experiencia do conferenciante na organización de obradoiros de igualdade dirixidos a mozos.

Organizada polas profesoras do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía Amada Traba e Sara Torres, coa colaboración da facultade da Vicerreitoría do campus, esta xornada busca pór o foco no “reto” que supón para a consecución da igualdade que cuestións como “a corresponsabilidade, a empatía e o coidado non estean socializadas no masculino, onde se lle dá prioridade á competitividade”. Con ese obxectivo, o coloquio con Cabido completarase á súa vez cunha serie de “dinámicas” dirixidas a afondar nesta serie de cuestións, que nestas semanas abordan tamén nas aulas as e os estudantes dos graos en Educación Primaria e Educación Infantil.