DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita tivo lugar este xoves no Edificio de Ferro

Unhas xornadas abordan a violencia e a morte na historia

Coa participación dos historiadores Julio Prada, Mª del Carmen Saavedra e Manuel Chust

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Académica
DUVI Ourense 27/04/2023

A Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu este xoves a celebración das xornadas Violencia e morte na historia, organizadas polo centro co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense. A cita arrancou cunha conferencia de Mª del Carmen Saavedra, catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, sobre violencia e guerra en época moderna. Seguiulle Julio Prada, profesor titular de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo e decano desta Facultade de Historia, que fixo un percorrido historiográfico pola violencia política na España contemporánea. Para rematar, Manuel Chust, catedrático de Historia de América da Universitat Jaume I de Castellón, ofreceu o relatorio A historia no punto de mira da violencia: debates, teorías e militancia en América Latina (1964-1976).

Tal e como destacou Julio Prada na benvida ao numeroso alumnado do Grao de Xeografía e Historia presente nas xornadas, esta actividade forma parte da programación didáctica, do apartado de eventos científicos, de todas as áreas con actividade na Facultade de Historia deste campus. Por este motivo, para as xornadas escolleuse unha temática transversal sobre a que as áreas implicadas propoñen un especialista para abordar algún aspecto relacionado con ese tema desde o seu campo de interese. Deste xeito, na cita celebrada este xoves participaron as áreas de Historia Moderna, Historia Contemporánea e Historia de América. Nunha segunda edición das xornadas que terá lugar a finais de outubro, volverase a falar da violencia e a morte na historia pero desde enfoques propostos por outras áreas. “O Grao de Xeografía e Historia que impartimos na nosa facultade é xeralista e con este tipo de xornadas queremos ofrecer ao noso alumnado temáticas e actividades de especialización”, comenta Julio Prada.