DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado de posgrao sumarase ás xornadas, que se celebrarán do 5 ao 7 de setembro

Xornadas de benvida, este curso tamén para o estudantado de máster e doutoramento 

As e os participantes poderán coñecer, en cada campus, os servizos que lles ofrece a UVigo 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 31/07/2023

Información sobre as actividades, os servizos e as instalacións que a UVigo pon a disposición do seu estudantado, así como música, agasallos e bebidas, é o que atopará o alumnado de novo ingreso que os vindeiros días 5, 6 e 7 de setembro participe nas Xornadas de benvida, que se celebrarán nos campus de Pontevedra, Ourense e Vigo, respectivamente. “O formato é similar ao de outros anos”, confirma a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, que adianta, como novidade, que as xornadas se abren este ano a alumnado de novo ingreso de mestrado e doutoramento, que poderá recibir a información que precise a través das e dos representantes do Servizo de Posgrao e do Campus Aberto da Escola Aberta de Formación Permanente, que participarán nas xornadas.

“O obxectivo desta iniciativa é que o alumnado de novo ingreso coñeza desde o primeiro día todo o que ofrece a Universidade de Vigo: actividades, servizos, instalacións e outra información útil para incorporarse con éxito á vida universitaria”, detalla a vicerreitora. Para Caparrini é importante que o alumnado participe, “para que desde o primeiro día saiban que lles ofrece a universidade na que van pasar os próximos anos, de modo que con toda esa información logo poidan ir accedendo ás distintas áreas, segundo os seus intereses e necesidades”. A vicerreitora destaca a participación nas xornadas do vindeiro mes de setembro de colectivos de estudantado, como asociacións, delegacións e CEUVI, que considera “unha boa oportunidade para fomentar as relacións intercentros, a participación estudantil e recuperar a vida universitaria que quedou bastante mermada desde a pandemia”.

As xornadas polo miúdo

As Xornadas de benvida arrancarán o martes 5 de setembro no campus de Pontevedra, na Escola de Enxeñaría Forestal, onde entre as 10.00 e as 14.00 horas as e os asistentes poderán recibir información sobre cuestións como a tarxeta universitaria, transporte e aloxamento, voluntariado e asociacionismo, bolsas, mobilidade, biblioteca, cultura, deporte e igualdade. Pola súa banda, o estudantado internacional deste campus terá na Facultade de Ciencias da Educación, ás 10.00 horas, unha charla informativa, presentación dos cursos de idiomas e un test de nivel de español.

O día 6 as xornadas desenvolveranse no campus de Ourense, concretamente no pavillón universitario para o estudantado en xeral, mentres que o alumnado estranxeiro está citado na aula magna da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.

As Xornadas de benvida rematarán o xoves, día 7, no pavillón de deportes do campus de Vigo, mentres que o alumnado estranxeiro está citado no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.