DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas por Extensión Universitaria, Normalización Lingüística e o GEAAT

Unhas xornadas divulgativas unen videoxogos, lingua galega e arqueoloxía dixital

Co gallo da clausura da exposición 'Arqueoloxía dixital galega'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • TIC
  • Cultura
DUVI Ourense 02/02/2024

O campus de Ourense acolle este venres a celebración da xornada Voute preservar, miñoca! Onde os videoxogos en galego e a arqueoloxía se dan a man, organizada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, a Área de Normalización Lingüística e o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT). A cita conta con diferentes actividades divulgativas e lúdicas relacionadas cos videoxogos, a lingua galega e a arqueoloxía contemporánea e abertas a público diverso e rematará pola tarde coa clausura da exposición Arqueoloxía dixital galega, xa que forman parte do mesmo proxecto. A mostra, comisariada por Óscar Penín, naceu froito dunha colaboración en clave cultural entre o GEAAT e o grupo de investigación da Escola de Telecomunicacións AttlanTTic no marco do Congreso EUNIS e adéntrase no traballo "da pouco coñecida arqueoloxía contemporánea e nas súas cada vez máis fondas conexións cos mundos virtuais".

A programación da xornada deste venres inclúe actividades como unha zona de videoxogos clásicos en galego; participar nun hackathon para o deseño dunha guía que “conecte” os videoxogos de xeito saudable e un xogo en familia en relación co videoxogo AmongUs-IRL. A cita tamén inclúe un campionato de Dragon Ball Z: Super Butoden 2 e conferencias de Tomás Leis Bravo (competidor de deportes electrónicos, capitán do equipo de Valorant da UVigo e campión dos torneos presenciais de Onente Gaming e de Gaming Troop) e Gonzalo Failde, actor de dobraxe da serie Dragon Ball, concretamente de Freezer, para a TVG. No arranque da xornada estiveron Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria; Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Óscar Penín, coordinador da actividade, e Millán Brea, profesor da UVigo con experiencia no eido do deporte electrónico.