300 expertos internacionais en cambio climático daranse cita en Vigo no mes de novembro na única reunión en Europa do IPCC, o grupo intergubernamental creado pola ONU para esta temática. A xuntanza converterá a cidade no epicentro do debate sobre o futuro climático do planeta. O reitor, Salustiano Mato, destaca a importancia deste tipo de eventos para “posicionar á institución, a Vigo, a Galicia e a España internacionalmente” e cualificou como unha “gran noticia” a elección da cidade olívica, “que se converterá nun lugar de referencia no que tratar temas de gran transcendencia mundial”. O centro de investigación Economics for Energy e a Universidade de Vigo, a través do grupo REDE, colaboran na organización do encontro, co apoio do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
13/04/2012