Arredor de cen investigadores procedentes de quince países -Canadá, Arxentina, Brasil, Australia, España, Portugal, India e Marrocos, entre outros- reúnense esta semana no campus no congreso anual de seguimento do IGCP 526, un programa mundial co que a Unesco e a Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas buscan facilitar a colaboración internacional entre científicos dedicados ao estudo do fondo mariño, portador de recursos tan importantes coma hidrocarburos, áridos ou diamantes, pero tamén fonte de numerosos riscos, os tsunamis entre os máis importantes.
Baixo a coordinación xeral dos profesores Federico Vilas e Ana Bernabeu, do grupo de investigación GEOMA, o congreso iniciouse oficialmente hoxe, pero este luns celebrouse un curso previo a bordo dun buque na Ría de Vigo.
28/09/2010