DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 2 de xullo na Facultade de Filoloxía e Tradución

160 especialistas de Europa e América reúnense para analizar e debater sobre a poesía de Adília Lopes

Ao abeiro do proxecto Poepolit II, o encontro conta tamén cunha exposición virtual de ilustración

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
Rebeca López Villar DUVI 30/06/2021

Ética, ecoloxía, antiespecismo e feminismo son só algúns dos temas que centran o coloquio internacional inaugurado esta mañá na Facultade de Filoloxía e Tradución, baseado na obra da escritora portuguesa Adília Lopes. O simposio, no que participan 160 especialistas, prolongarase ata a tarde do venres en formato semipresencial, e nel presentaranse 36 comunicacións de investigadoras e investigadores de Brasil, Colombia, España, Estados Unidos, Francia, Portugal e Reino Unido. 

Na apertura do II Colóquio internacional ‘Estar em casa com Adília Lopes: do privado ao político’, organizado polo proxecto Poepolit II, interviñeron Burghard Baltrusch, docente da facultade e presidente da I Cátedra Internacional José Saramago, xunto con Joana Meirim, da Universidade Católica de Lisboa, e Lúcia Evangelista, da Universidade do Porto, coorganizadoras do evento.

A obra de Lopes, “punto de partida” dos 36 textos do encontro

Foron dúas comunicacións chegadas de Reino Unido as encargadas de iniciar o coloquio sobre Lopes, “unha das voces máis destacables e polémicas do panorama poético en lingua portuguesa”, segundo explican os membros de Poepolit II. Ana Bela Almeida e Andrzej Stuart Thompson, investigadores provenientes das universidades de Liverpool e Oxford, puxeron o foco na cuestión animal na obra de Lopes e na súa capacidade para provocar pensamentos ‘des-antropocéntricos’. 

En total, ao longo destes tres días 36 textos abordarán múltiples temáticas do quefacer literario da escritora, que constitúe, en palabras da organización, “un excelente punto de partida para observar cunha perspectiva crítica a sociedade globalizada”. De feito, como sinalou Burghard Baltrusch na inauguración, esta é a segunda edición do coloquio, pois “xa houbo un en 2019, na Universidad de los Andes de Bogotá”. Joana Meirim incidiu no feito de que as dúas edicións tiveron lugar fóra de Portugal, país de orixe de Lopes, e describiu como “unha historia de amor non correspondido” a relación da autora co seu lugar de nacemento.   

Continuidade no tempo

A idea do proxecto Poepolit II é que o traballo realizado para este coloquio teña un percorrido longo, polo que a páxina web “será reconvertida nunha base de datos sobre a autora”. A plataforma xa conta cunha exposición virtual coa obra de catro artistas contemporáneas e cun apartado de bibliografía compilada por Baltrusch. No mes de maio, a organización do congreso publicou tamén unha serie de vídeos que, baixo a etiqueta #EstarEmCasaComAdíliaLopes, amosa o recitado de poemas da autora da man de diversas persoas do mundo da cultura. 

Presentación dun libro sobre poesía política 

Dentro da programación paralela ao coloquio, o pasado luns tivo lugar unha mesa redonda na libraría lisboeta Linha de Sombra, na que participou a propia Adília Lopes con diferentes poetas e creadoras que falaron da súa obra. Neste evento, dispoñible proximamente na plataforma UVigo TV, presentouse a publicación Poesia Política na Actualidade. Aproximações teóricas e práticas, un libro de Poepolit II editado polos investigadores da UVigo Burghard Baltrusch e Antía Monteagudo, xunto ás profesoras Ana Chouciño (USC) e Alethia Alfonso (Universidad Iberoamericana de Mexico). A cita pechouse cunha performance da estudante de doutoramento da UVigo María Roja e a egresada Silvia Penas. 

O volume coordinado por Baltrusch xorde da idea de que “o poético posúe na actualidade un potencial de comunicación e intervención política”, como o propio docente asegurou na inauguración do coloquio. Neste senso, o libro fai fincapé na responsabilidade das artes para responder a calquera tipo de crise (política, climática, sanitaria, social, económica, etc.) e, centrándose na poesía actual, os autores analizan as características e condicións da lírica política. Así, os editores recollen artigos sobre o quefacer literario de autores como Itxaro Borda, Alberto Pimenta ou Antón Reixa.