DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convida a “desfacer a violencia e reparar a esperanza”

Un 25N para tecer mundos feministas

Durante os vindeiros días os tres campus acollerán actos formativos e reivindicativos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 17/11/2023

Coa esperanza de que outro mundo é posible, un mundo en igualdade e sen violencias machistas, a Universidade de Vigo únese un ano máis á conmemoración do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. E faino cun programa de actividades nos tres campus que permitirán reflexionar, debater e reivindicar baixo o lema Tecendo mundos feministas: desfacer a violencia e reparar a esperanza. Dende a Unidade de Igualdade explican que a escolla deste eslogan responde ao feito de que “queremos poñer en valor a esperanza de que outro mundo é posible, libre de violencias contra as mulleres, porque os avances e o compromiso social e institucional é cada vez maior fronte a todas as violencias patriarcais no espazo universitario e na sociedade, en xeral”.

A directora da unidade, Águeda Gómez, destaca que a pesar de que “nas institucións de estudo superior avanzouse moito na igualdade entre mulleres e homes, tal e como nos lembra o proxecto europeo UNISAFE, aínda hai situacións que afectan de forma desigual a mulleres e de homes. Un contexto que, como o resto de ámbitos das nosas vidas, non é alleo ás violencias machistas”. É por isto que considera que “como universidade, debemos contribuír a facer fronte a esta situación achegando evidencias científicas, formando ás futuras xeracións de profesionais con perspectiva de xénero e elaborando recursos útiles e efectivos para toda a sociedade e, como comunidade universitaria, participando tanto individual como colectivamente da cultura de igualdade que illa os comportamentos e actitudes machistas”.

O acto central da programación será unha actividade presencial de “sensibilización e de reparación” que se celebrará o día 23 en colaboración co Concello de Vigo. Trátase dun relatorio da xornalista e activista feminista Lydia María Cacho Ribeiro no auditorio municipal ás 19.00 horas, que estará acompañada pola artista téxtil Maritza Berttollini, que creará unha peza “para expresar a causa e curar feridas”. A obra final poderá expoñerse nos centros que teñan interese unha vez a artista a complete. Ademais, Berttollini é tamén en parte protagonista da campaña institucional da UVigo neste 25N, xa que o cartaz e os materiais gráficos reproducen unha obra súa. 

Premio para a profesora Silvia Pérez

Coincidindo coa esta data, hoxe venres tamén se fixeron públicos os premios Menina, que concede a Delegación do Goberno en Galicia e que recoñecen o labor de persoas ou entidades que destacan polo seu compromiso na erradicación da violencia de xénero. Entre as premiadas está Silvia Pérez, doutora en Socioloxía e profesora na Universidade de Vigo. Pérez, que imparte docencia no campus de Pontevedra, xa recibira en 2018 o primeiro premio estatal de teses doutorais en materia de violencia de xénero, que lle concedeu o Ministerio de Igualdade.

Accións formativas para a comunidade universitaria

Como parte da programación de accións deste 25N da Universidade de Vigo tamén se enmarca a posta en marcha do Punto Lila Virtual para atender de forma directa e preferente, no prazo máximo de 48 h, calquera consulta ou queixa sobre acoso sexual e acoso por razón de sexo que teñan relación coa comunidade universitaria. 

Paralelamente, o programa tamén comprende varias accións formativas destinadas á comunidade universitaria en xeral e ás persoas con cargos de responsabilidade ou de xestión, en particular. Por unha banda, o día 24 en horario de mañá impartirase o obradoiro E ti, sabes como actuar fronte o acoso sexual e o acoso por razón de sexo? en modalidade virtual  síncrona. O prazo de inscrición está aberto ata o 21 de novembro a través de Bubela. Por outra banda, tamén se oferta o taller A universidade, un espazo libre de violencias machistas? dirixido a persoas da comunidade universitaria con cargos de responsabilidade ou con funcións relacionadas coa xestión da igualdade entre mulleres e homes e a convivencia. A docencia impartirase o día 29 deste mes en modalidade virtual síncrona en horario de tarde e o prazo de matrícula está aberto ata o día 21. 

Ademais, o alumnado do campus vigués tamén se implicou na conmemoración deste día coa organización na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo dun concurso de carteis. Unha vez recibidas as propostas, a votación para escoller os tres deseños gañadores estará aberta entre o 20 e o 24 de novembro a través dun formulario en liña.

Actividades en Ourense

O campus de Ourense súmase á conmemoración desta data con dúas actividades. Por unha banda, a Facultade de Relacións Internacionais acollerá o día 23 a partir das 16.00 horas unha xornada na que participarán a socióloga e profesora da Universidade da Coruña Rosa Cobo cun relatorio titulado Explotación sexual e capitalismo neoliberal; o sociólogo Jorge García Marín, da USC, cunha conferencia sobre Novas masculinidades: a construción da identidade masculina afastada do modelo de masculinidades violentas e tóxicas; e a catedrática da UVigo María Lameiras, que falará sobre As violencias sexuais contra as mulleres: radiografía internacional.

Ao día seguinte, a partir das 10.00 hora a Facultade de Dereito acollerá a I Xornada Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O evento contará coa participación da catedrática de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidad CEU Cardenal Herrera Susana Sanz Caballero, que falará sobre A trata de mulleres como expresión de violencia de xénero: a resposta do Dereito Internacional. Tras a súa intervención será a quenda de Ana de Miguel Álvarez, profesora de Filosofía Moral e Política da Universidad Rey Juan Carlos cun relatorio titulado Comprender o incomprensible: fontes de lexitimación da violencia sexual.

Eventos en Pontevedra

Co obxectivo de dar visibilidade ao 25 N, pero tamén ao Día da Infancia e ao Día da Palabra, que se conmemoran o 20 e o 23 de novembro, respectivamente, a Comisión PEA Unesco da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte promove a partir do vindeiro luns a Semana da palabra contra as violencias. Como explican desde a comisión, esta iniciativa consistirá na instalación, na entrada do centro, dun milladoiro no que se convida á comunidade universitaria a colocar “un palabra contra as violencias”, a ir sumando verbas que reflictan “a dor e dean alento a todas as persoas que sofren violencias, nomeadamente ás mulleres e nenas”.

Por outra banda, tamén formou parte da programación o evento que tivo lugar onte xoves Facultade de Comunicación ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo: o workshop Hackeando o Patriarcado. Baixo o título O Ecosistema dixital feminista: a «feminisfera» en construción, presentáronse os traballos seleccionados do 1º Maratón de Creacións Dixitais Feministas  que se desenvolveu o pasado 9 de novembro na Casa das Campás. Ademais, tamén dentro da programación e da cátedra, o pasado mes presentouse en Vigo o 3º informe do Observatorio de Violencia Machista Dixital Stop Machitroles