DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa interpretación da obra ‘O parke do crepúskulo’

A actuación de Maricastaña estrea a XXIV edición da Miteu

As representación volverán o 27 e 28 de abril coas aulas de teatro dos campus de Pontevedra e Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 07/04/2022

As actrices e actores do grupo Maricastaña, o nivel 3 da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, foron os encargados de estrear a XXIV edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo, Miteu, coa representación da obra O parke do crepúskulo, dirixida por Fernando Dacosta e na que se reflexiona sobre o legal e o moral. Se ben o regreso do público ao Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria estaba pensado para o pasado 30 de marzo coa participación da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, ESADG, houbo que suspender esta actuación por encontrarse con covid parte do elenco artístico encargado da representación da obra Xeración C, espectáculo que se retomará en vindeiras datas.

O parke do crepúskulo, que se estrou hai apenas unhas semanas  no 26 ciclo de Teatro Universitario da Beira Interiror -en Covilha, Portugal-, é unha inspiración libre da obra de Paul Auster Sunset Park, publicada en 2010, e na que se contan as relacións e a vida dun grupo de persoas que viven como okupas nunha casa abandonada en Sunset Park, Brooklyn. Cun elenco composto por Iván Iglesias, Eva García, Iria Losada, Marcos Lama, Luz Ocampo, Miguel Estévez, Candela López, Conchi Pérez, Esther Pérez, Lola Fernández, Silvia Domínguez, Chelo Cortiñas e Pilar Mira, a obra trouxo ao escenario vigués diversos personaxes que conviven baixo o mesmo teito ilegal: unha traballadora nunha empresa de desafiuzamento, outra que ten un hospital de obxectos perdidos para a sociedade, unha pintora amadora idealista que cre no decrecemento, unha doutoranda que debe rematar a súa tese sen un can, unha que escribe dende a atalaia da cultura que ninguén comprende...

As representación da Miteu continuarán o 27 e 28 de abril 

Tras o parón da Semana Santa, as representacións da Miteu regresarán ao Teatro Vidal Bolaño o 27 e 28 de abril coas aulas de teatro dos campus de Pontevedra, que actúa por primeira vez nesta mostra, e os anfitrións, Vigo. O mércores 27 será a quenda da aula pontevedresa coa obra Nosa Señora das Nubes, unha dramaturxia dirixida por Salvador del Río na que se tratan, fundamentalmente, dous temas: a memoria e o exilio. Cun elenco composto por trece persoas a peza arranca co encontro duns exiliados nun espazo e tempo indeterminado e, a partir de aí, van reconstruíndo o seu pasado lembrando os feitos que aconteceron no pobo do que son orixinarios: Nosa Señora das Nubes. O xoves 28, a aula de Vigo, baixo a dirección de Casilda Alfaro e Sonia Rúa, representarán a obra Emigrados, realizada a partir dos textos de Anxos Sumai, Candido Pazó, Sonia Torre, Suso de Toro e Xosé Manuel Pazos.