DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A xornada electoral será o mércores día 15

A actual decana de Bioloxía, Mercedes Gallardo, opta a reelección como única candidata

Incorpora como vicedecano ao profesor Juan Pérez, que substitúe a Manuel Ángel Pombal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 10/02/2023

A Facultade de Bioloxía celebrará eleccións a decanato o vindeiro mércores 15 de febreiro e farao coa profesora Mercedes Gallardo, actual decana, como única candidata. Trátase dunha candidatura continuista na que tamén repiten o secretario do centro, Emilio Gil; e os vicedecanos Jesús Míguez e a vicedecana María Fuencisla Marina, mentres que o terceiro vicedecano Manuel Ángel Pombal, decidiu non optar á reelección, quedando no seu lugar un compañeiro do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, Juan Pérez.

“Aínda estamos axustando as funcións dos vicedecanatos, pero o máis probable é que as persoas que estaban no equipo anterior manteñan as tarefas que xa xestionaban”, aclara Gallardo. No caso de Fuencisla Marina ocuparase da sección de alumnado e organización docente, mentres que Jesús Míguez continuará á fronte dos temas de calidade e Juan Pérez tomará as rendas da xestión da mobilidade e as prácticas externas, “dous procesos de grande interese para a facultade”, salienta a candidata a decana, ao que engade que, independentemente da área que leve cada persoa, “a clave é funcionar como un equipo, de forma que se busque a colaboración entre todos os integrantes para facer fronte aos asuntos que haxa que resolver”.

Profesora da Área de Fisioloxía Vexetal, Mercedes Gallardo foi elixida decana da Facultade de Bioloxía en decembro de 2019, se ben xa viña exercendo labores de xestión, nese caso como vicedecana,  desde setembro de 2012. Decidiu dar o salto e presentarse a decana ante a falla de candidatos para substituír a Jesús Míguez, quen xa levaba varios meses en funcións ante a ausencia de candidatos. “O labor decanal é moi esixente e, a miúdo, esgotador”, subliña Gallardo, que admite ter “reflexionado a fondo” sobre a posibilidade de presentarse de novo ao cargo ou quedar fóra para que fosen outros membros da facultade os que seguisen a tarefa. “Por desgraza hai poucas iniciativas para ocupar este tipo de cargos, como evidencia a falta de máis candidaturas, o que é un claro síntoma de como se percibe o esforzo e dedicación que supón o decanato, sen que teña paralelismo coas desgravacións que se aplican e o recoñecemento destes cargos para as promocións do PDI”.

1º mandato marcado pola xestión da crise da covid

O seu primeiro mandato como decana estivo marcado pola xestión da crise da covid e todos os axustes e reaxustes que houbo que pór en marcha. “Foi un proceso esgotador para os equipos directivos de facultades e escolas en xeral e nós non fomos unha excepción”, subliña Gallardo. “A pesares de todo estou bastante satisfeita de como se puido resolver e, neste aspecto, debo agradecer o labor dos membros do equipo decanal actual, pero tamén a boa disposición do PDI e o PAS da facultade que facilitou moito esta etapa, co menor impacto posible nas titulacións e o alumnado”.
De cara as votacións decidiron non realizar actos promocionais da súa candidatura porque consideran que a xente da facultade xa coñece a súa traxectoria previa e “ten suficientes elementos para xulgar o noso labor”, explica a docente.

“Non é momento de formular grandes cambios”

Con respecto ao seu programa de goberno para os vindeiros tres anos considera que “non é momento de formular grandes cambios nin introducir novos títulos”, aínda que os actuais están pendentes de axustarse ás esixencias do Real Decreto que entrou en vigor recentemente. “Isto conlevará a adscrición da titulación a un ámbito de coñecemento distinto do actual e o axuste das materias das mencións que temos en marcha”, salienta a candidata á reelección. No relativo aos mestrados, “maioritariamente interuniversitarios”, seguirán demandando melloras nos medios de apoio á docencia, como pode ser o desenvolvemento dunha plataforma común para as tres universidades do Sistema Universitario Galego.

“Por outra banda, a nosa intención é facilitar ao máximo o labor do PDI do centro nas actividades académicas”, explica Gallardo, quen aproveita para pór en valor o traballo que xa levaron a cabo en relación á simplificación dos procesos internos e á mellora das condicións de docencia nas aulas, “se ben quedan pendentes diferentes aspectos que temos que abordar”.