DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de innovación educativa desenvolvido polo grupo de investigación Gies10

O alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte deseña recursos didácticos que conectan os ODS co olimpismo

No marco da súa formación en diferentes materias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Pontevedra 30/01/2024

Recollidos na Carta Olímpica, valores como a igualdade, a solidariedade, a multiculturalidade, a cooperación ou a sostibilidade forman parte dos principios fundamentais do olimpismo, que un proxecto de innovación desenvolvido na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte buscou conectar cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas. Coordinado pola responsable do grupo de investigación en Educación, Actividade Física e Saúde (Gies10), María José Martínez Patiño, este proxecto tiña como obxectivo formar ao alumnado da facultade no deseño de recursos educativos que permitan trasladar ás aulas os “valores sociais ligados ao deporte olímpico” e aos ODS.

Seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación educativa impulsada pola facultade para 2023, Olimpismo en acción para a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible levou a máis de 200 alumnos e alumnas a traballar no deseño de recursos educativos dixitais no marco da súa formación en diferentes materias. Coa participación das e dos integrantes do grupo Gies-10 Margarita Pino, Águeda Gutiérrez, Myriam Alvariñas, Diego Alonso, Eulalia Agrelo, Sara Domínguez, Xoana Reguera, Yaiza Taboada, Lucía Lomba, Mario Diz e Iago Portela, o proxecto sustentouse nunha “metodoloxía interdisciplinar”, coa que o olimpismo e os ODS conectábanse cos contidos de diferentes materias. Deste xeito, o proxecto buscaba amosar aos futuros e futuras docentes que se forman na facultade como “a introdución dos valores olímpicos no deseño curricular” podería facilitar a abordaxe dos ODS da Axenda 2030 en “diferentes espazos educativos e áreas de coñecemento”, como salientan as responsables desta iniciativa.
 

Educación física, música e literatura

Tras unha primeira fase centrada no “deseño e avaliación de unidades didácticas interdisciplinares utilizando os valores olímpicos como contido transversal”, o proxecto implicou a súa abordaxe en materias de grao e mestrado centradas na educación física, musical e na didáctica da lingua e da literatura. En todas elas, as e os participantes traballaron no desenvolvemento de diversos “recursos educativos abertos como medio de concienciación social”, como explica Alvariñas, dos que logo se escollían, a través das votacións do propio alumnado, aqueles e aquelas que ían difundirse a través da rede. 

Nese senso, nas materias relacionadas coa educación física o alumnado traballou no deseño de recursos que abordaron cuestións como o tratamento dos residuos urbanos ou a “construción dun laboratorio con material reciclado”, tras a superación de “diferentes retos” relacionados coa actividade física. Tamén nesta área, outros grupos debían deseñar unha “experiencia gamificada sobre os ODS e o olimpismo”, a través dunha aplicación, mentres que o alumnado do Máster en Profesorado realizou “pílulas formativas” en vídeo.

Nas materias de música propúxose ao alumnado a realización de “videoclips divulgativos”, empregando “técnicas de improvisación vocal relacionadas con xéneros como o hip hop ou o rap”, segundo recolle a memoria do proxecto. Finalmente, na materia Didáctica da lingua e a literatura, do Grao en Educación Infantil, esta experiencia levou ao estudantado a elaborar “unha constelación literaria de álbums ilustrados” que abordasen estas temáticas, para logo dar forma a unhas unidades didácticas, como relatos dixitais, que afondaban no “binomio deporte e xénero desde unha perspectiva didáctica”. 

A fase final do proxecto comprendeu tanto a publicación na rede dos materiais seleccionados en cada materia como unha avaliación que permitiu constatar que o estudantado “valorou positivamente” tanto o uso de “metodoloxías activas e interdisciplinares” e das novas tecnoloxías, como “unha aprendizaxe sensibilizadora”, que levounos a crear recursos “para facer máis sostible o mundo actual e futuro”, sinalan desde o grupo Gies10.