DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comprende catro proxeccións en VO os días 7, 14 e 21 de marzo e 4 de abril no edificio Redeiras

Andiamo al cinema!, a nova edición do Ciclo de Cine e Lingua aposta polo italiano

Permitirá ver por exemplo, Mediterráneo, de Gabriele Salvatores ou Supereroi, de Paolo Genovese

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
M. Del Río DUVI 26/02/2024

O cinema italiano será o protagonista da décimo cuarta edición do Ciclo de Cine Lingua, unha proposta da Vicerreitoría de Extensión Universitaria que ten como finalidade achegar a cidadanía ás películas na súa versión orixinal con subtítulos en español. Para isto, a organización busca unha temática, un nexo que engarce os filmes propostos en cada edición. En anteriores ocasións optouse, por exemplo, polo cine feito por mulleres ou polos clásicos do cinema, pero nesta nova edición o ciclo centrase na cinematografía italiana. As proxeccións serán os días 7, 14 e 21 de marzo e 4 de abril no edificio Redeiras ás 19.00 horas con entrada de balde e abertas a toda a cidadanía. A encargada de presentar as sesións e de moderar o debate posterior será Daniela Sarraino, presidenta da Sociedade Dante en Vigo.

A primeira cita, o 7 de marzo, será con Quo vado?, filme dirixido por Gennaro Nunziante en 2016, que foi estreado en España baixo o título Un italiano en Noruega e que se converteu, no seu momento, na película con máis éxito de recadación da historia en Italia, con máis de 10 millóns de espectadores. A cinta conta a historia de Checco, un funcionario italiano ten que facer fronte á política de recortes de emprego público que emprende o Estado. Para non perder o seu emprego vese na obriga de aceptar o traslado a Noruega, onde deberá comezar unha nova vida. 

A segunda proxección será o 14 marzo e a película elixida é Mediterráneo, de Gabriele Salvatores. Estreada en 1991 e gañadora do Óscar á mellor película estranxeira, este filme narra a historia dun grupo de soldados que, durante a II Guerra Mundial, naufragan no que crían que era unha illa grega deserta, pero que resulta estar habitada por unha comunidade de mulleres, persoas maiores e nenos e nenas. 

O día 21 de marzo será a quenda de Momenti di trascurabile felicità, de Daniele Luchetti (2019), estreada en España como A alegría das pequenas cousas. A película conta a historia de Paolo, que unha mañá, de camiño ao traballo, resulta atropelado por un camión. Por un erro de cálculo, o protagonista gaña 90 minutos extras antes de ir ao ceo, un tempo que lle servirá para darse conta do que realmente importa na vida.

O ciclo pecharase o 4 de abril coa proxección de Supereroi (Unha historia de amor italiana, en España), película de Paolo Genovese estreada en 2022. O filme céntrase en Marco e Anna, unha parella que, a pesar de seren caracteres opostos con visións da vida moi distantes, loitan por conservar o seu amor e manter a súa relación a pesar do paso do tempo.