DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun novo coloquio organizado pola Facultade de CCEE e Empresariais e a Fundación Mentor

Aprendendo a ‘mentalidade dos campións’ da man de cinco atletas olímpicos e paralímpicos

O exatleta, hoxe empresario, José Manuel Albentosa dedicou verbas de agarimo a Alejandro Gómez

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Académica
D. Besadío DUVI 06/10/2021

Os cinco son atletas e os cinco teñen detrás de si unha historia de superación, de traballo en equipo e de loita polo éxito en distintas competicións deportivas, entre elas os Xogos Olímpicos e Paralímpicos. José Manuel Albentosa, Agustín Alejos, Caetano Horta, Alex Vidal e Carlos Pérez Rial, Perucho, compartiron este mércores as súas experiencias coa comunidade universitaria na charla La mentalidad de los campeones, superando límites, un coloquio organizado pola Universidade de Vigo e a Fundación Mentor, co patrocinio de Artio, e que puido seguirse de xeito presencial no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ou a través do directo de UVigoTV. “Estou seguro de que se os valores do deporte se trasladasen á sociedade, a sociedade sería moito mellor”, recalcou o decano, Jorge Falagán, no seu saúdo de benvida aos deportistas convidados.

Moderados polo triatleta e empresario galego Antón Ruanova, as testemuñas destes deportistas xiraron en torno a palabras como esforzo, ilusión, incerteza, xestión do estrés e da adversidade, traballo en equipo… Cada un achegou a súa propia perspectiva, atendendo á súa experiencia vital: José Manuel Albentosa, atleta olímpico en Seul 1988 na distancia de 10.000 metros; Agustín Alejos, xogador de baloncesto en cadeira de rodas, medalla de prata nos Xogos Paralímpicos de Río 2016 e participante tamén nos xogos de Tokio, onde obtivo unha cuarta praza; Caetano Horta, medalla de ouro no Campionato Europeo Xuvenil de Remo de 2020, na proba de dobre scull e participante tamén nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020, acadando a sétima posición na proba de dobre scull lixeiro; Carlos Pérez Rial, Perucho, piragüista, medalla de ouro en K2 500 m nos Xogos Olímpicos de Pekín 2008 e participante tamén nos Xogos Olímpicos de Atenas 2004, así como gañador de oito medallas –catro de ouro- no campionato mundial e sete –dúas de ouro- no campionato de Europa, e Alex Vidal, tetracampeón mundial e europeo na especialidade de taekwondo e participante nos Xogos Paraolímpicos de Tokio 2020.

Os seus nomes quedarán para sempre na historia dos mellores deportistas de España, pero para acadar estes éxitos detrás teñen horas de adestramento, de renuncias, de esforzos e, en moitas ocasións, tamén de desilusións, tal e como relatou o taekwondista Alex Vidal, que, tras cinco anos loitando polo soño de ir a uns xogos olímpicos, chegou unha lesión que viviu como “a morte dun soño”. Finalmente, “a base de ser moi testán”, si puido ir aos xogos e, aínda que os resultados non foron os soñados, “o feito de poder estar alí deixoume claro que o importante non só é gozar co resultado, senón co que ti puxeches para logralo”. Esa foi unha das primeiras mensaxes que estes deportistas olímpicos deixaron sobre a mesa.

Humildade e traballo como valores fundamentais

A importancia de saber convivir coa incerteza e os valores da humildade e o traballo foron outros dos eixes sobre os que xiraron as intervencións destes deportistas. “A humildade de non crerte mellor do que es, e o traballo para seguir mellorando día a día”, subliñou Agustín Alejos, quen recalcou a importancia de “traballar e traballar” para conseguir o obxectivo que cada quen se marque, sexa no que sexa. “Se queres chegar a algún sitio só te queda traballar, traballar e traballar”, recalcou Alejos, quen salientou a importancia do  traballo en equipo, “de rodearte daqueles que ti consideres os mellores”. 

Neses valores da humildade e o traballo tamén fixo fincapé o remeiro Caetano Horta que, con só 18 anos, foi diploma olímpico en Tokio 2020. Coa súa intervención tocouse tamén o tema da “sorte” ou “o destino”. No seu caso, por idade, non lle houbese tocado ir a Londres pero, ao aprazarse os xogos, tivo a oportunidade de loitar por unha praza e, finalmente, conseguiuno. “Foi unha experiencia incrible”, subliñou, pero detrás están moitas horas de adestramento que tivo que compatibilizar cos estudos de segundo de bacharelato e coa  preparación das probas de acceso á universidade, Abau. “Estaba lonxe da familia, centrado en remar pero, ao tempo, sacando adiante o curso e preocupado pola Abau, ademais de ter pasado tamén o covid”, subliñou Horta, ao que engadiu que “coa axuda de moita xente puiden sacar adiante o curso, aprobar a Abau e marchar tranquilo a Xapón”.

A importancia de “pensar alto” 

No deporte como na vida en xeral hai “máis momentos duros que bonitos e de todos se aprende”, recalcou Perucho, quen puxo tamén sobre a mesa a necesidade de que cada persoa se dedique ao que verdadeiramente lle gusta e de ter ilusión para conseguir os obxectivos marcados. “Debemos pensar alto, marcarnos obxectivos importantes e loitar por eles” e, se polo camiño o ánimo e as forzas decaen, “en vez de virte abaixo, adestrar máis e máis duro”.

Atleta retirado e empresario, o último en intervir foi José Manuel Albentosa,  quen iniciou a súa intervención cunhas sentidas palabras en recordo do atleta vigués recentemente falecido Alejandro Gómez, con que compartiu moitas experiencias, entre elas os Xogos Olímpicos de Seúl 1988. Falou do olimpismo e da importancia de formarse para “o día despois do deporte profesional”, porque para el, o atleta ten dúas vidas.  “O deporte é algo moi sacrificado que esixe renunciar a moitas cousas, pero que é posible compatibilizar con outras actividades, sobre todo coa formación”, recalcou Albentosa, que puxo como exemplo ao moderador da mesa, Antón Ruanova.