DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa proxección de 'Lost in translation' de Sofía Coppola

Arranca en Redeiras unha nova edición do Ciclo de Cine e Lingua

A cita, de acceso aberto, prolongarase ata o 19 de decembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 20/11/2023

Tras unha reprogramación dos títulos a proxectar, esta semana arranca en Vigo unha nova edición do Ciclo de Cine e Lingua, organizado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria e dedicado, nesta ocasión, ás mulleres directoras. Será mañá martes ás 19.00 horas no edificio Redeiras coa proxección de Lost in translation, segundo filme escrito e dirixido por Sofia Coppola e estreado en 2003. Será a primeira cita dun ciclo que inclúe a proxección de cinco películas en versión orixinal con subtítulos en español.

Co título Let's go to the Flicks!, as datas desta décimo terceira edición do Ciclo de Cine e Lingua serán os martes 21 e 28 de novembro e o 5, 12 e 19 de decembro, sempre ás 19.00 horas no edificio Redeiras e da man de Keith Payne, poeta e tradutor que fai residencias con escritores galegos e irlandeses e que se ocupará de presentar as cintas e de moderar o coloquio posterior. A entrada é de balde ata completar a capacidade da sala.

Cine dirixido por mulleres en versión orixinal

Para a estrea do ciclo elixiuse o filme Lost in translation, do que agora se cumpren 20 anos da súa estrea. Protagonizada por Bill Murray  e Scarlett Johansson, trátase dunha coprodución de Xapón e Estados Unidos, ambientada en Toquio e na que se narra a relación entre Bob Harris, un actor norteamericano en decadencia que acepta unha oferta para facer un anuncio de whisky xaponés en Toquio, onde coñece a Charlotte, unha moza casada cun fotógrafo que viaxou a Xapón para facer unha reportaxe. Ambos coinciden no hotel e comparten o baleiro das súas vidas e, pouco a pouco, vanse facendo amigos ata empezar a preguntarse si a súa amizade podería transformarse nalgo máis.

A segunda sesión será o martes 28 de novembro coa proxección de Lady Bird, filme dirixido por Gretta Gerwing en 2017 que conta a historia dunha adolescente que soña con deixar atrás a súa vida e escapar a unha universidade ao outro lado do país.

Xa en decembro, o martes 5 proxectarase American Honey, dirixida por Andrea Arnold en 2016, na que conta a historia dunha adolescente que deixa a súa disfuncional familia para unirse a un equipo de venta de subscricións de revistas, actividade coa que percorre, vendendo porta a porta, o mediooeste estadounidense. O ciclo continuará o día 12 con Kajillionaire, cinta dirixida en 2020 por Miranda July na que se narra a historia dunha muller que ve como a súa vida se pon patas arriba cando os seus pais criminais invitan a un estraño a unirse a eles nun grande atraco que están a planear.

A derradeira sesión do ciclo ten como película protagonista The Bookshop, cinta de Isabel Coixet de 2017, que se sitúa na Inglaterra de 1959 na que a viúva de espírito libre Florence Green arrisca todo para abrir unha librería nunha pequena cidade de Anglia Oriental, contra a cortés pero despiadada oposición local.

Programa completo do ciclo