DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Concerto de Primavera programado para o vindeiro xoves 24 ás 19.30 horas

A Aula de Música Tradicional do campus actuará co grupo Os Melidaos na Ferraría

Para xuño están previstas diferentes actuacións en prazas de Pontevedra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Música
  • Cultura
DUVI Ourense 16/03/2022

Xurdida en 2017, no marco da programación cultural da Vicerreitoría, a Aula Permanente de Música Tradicional do campus reúne na actualidade 38 alumnos e alumnas que o vindeiro xoves 24 serán uns dos protagonistas do Concerto de Primavera do campus. A praza da Ferraría será nesa xornada o escenario dunha actuación do grupo de gaiteiros Os Melidaos, que estarán acompañados en dúas pezas por boa parte dos integrantes do grupo de música saído desta actividade formativa. Promovida coa colaboración da Concellería de Promoción Económica e Universidades, esta actuación insírese no obxectivo da aula de dar “o salto á cidade”, como salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, na presentación deste concerto. 

Xunto a Soto, a concelleira de Promoción Económica e Universidades, Yoya Blanco, e o responsable da aula, o músico Suso Vaamonde, presentaron este mércores un concerto programado para as 19.30 horas e que no caso de chuvia trasladarase á Escola de Enxeñaría Forestal. Baixo o título de Clásicos da terra, este concerto terá como protagonistas a Os Melidaos, un grupo de sete gaiteiros que suman a este instrumento ás súas voces na interpretación tanto de pezas populares como de autoría propia. Como “un día especial, no que volvemos con máis forza”, definiu Jorge Soto unha actuación que dá continuidade ao Concerto de Primavera celebrado en 2019 no Teatro Principal e inserida nunha “aposta absolutamente decidida por un proxecto fermosísimo que ten que ver coa nosa música e coa nosa cultura”. Co obxectivo, engadiu o vicerreitor, de “levar o noso proxecto de música tradicional á cidade”, impúlsase unha actuación inserida na colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Universidades, cuxa responsable puxo de relevo o “bo funcionamento” do convenio asinado o pasado outono para o desenvolvemento de preto de medio cento de actividades. “O campus fai cidade todos os días”, salientou Blanco, que adiantou que tamén están previstas para o mes de xuño unha serie de actuacións das e os integrantes da aula nos espazos públicos, “que imos intentar que sexan en prazas de referencia da cidade”. 

O concerto

Como explicou Vaamonde, este Concerto de Primavera centrará boa parte do seu repertorio en Tribo Nosa, o último disco do grupo de gateiros nacido en 2001 en Melide de man de músicos de diferentes xeracións. Non obstante, tamén haberá espazo para composicións que formaron parte do anterior disco dos Melidaos, Festa na Codeseira (2015), así como para “algunha proposta nova que teñen preparada para o seguinte disco”. Ademais, este grupo e as e os integrantes da aula permanente compartirán escenario en dúas pezas. Como adiantou Vaamonde, os 12 integrantes do grupo de acordeóns e ocarinas da aula sumaranse á interpretación da Foliada de Amoeiro, mentres que unha parte deste grupo, xunto cosde gaitas e percusión tocarán posteriormente xunto cos Melidaos o Pasodobre de San Roque

De aí que Baamonde incidise en que se trata “dun día moi especial para a aula” que viu nos últimos anos como a pandemia obrigaba temporalmente a converter os seus ensaios en virtuais e que a finais do pasado curso retomaba, no salón de actos de Ciencias Sociais e da Comunicación, as súas clases presenciais, ás que un grupo de alumnos e alumnas de diferentes idades retornou “con moita ilusión”. Coas súas 38 prazas cubertas, “atreveríame a dicir que pode ser o grupo de música tradicional máis amplo da cidade”, salientou Vaamonde, mentres que Soto lembrou como este proxecto foi superando nos últimos meses diferentes metas, como acompañar nunha peza ao gaiteiro Carlos Núñez no seu último concerto en Pontevedra.

Futuras actuacións na cidade

“Para nós é importante tomar as rúas, saír dos espazos da Universidade e darlle un pouco de visibilidade á actividade”, salientou Vaamonde, que explicou que, tras este concerto, proxectase que a aula poida desenvolver unha serie de actuacións en prazas de Pontevedra no mes de xuño. Esta serie de actuacións terían lugar os luns 6, 13, 20 e 27 e prevese que este grupo de alumnos poida contar coa colaboración do coro universitario do campus de Vigo e dun grupo de danza da Universidade de Santiago de Compostela. 

Nese mesmo obxectivo, a sede da Vicerreitoría acollerá o vindeiro luns 28 de marzo a presentación do libro O toque pechado, do gateiro Pablo Seoane. Nunha actividade programada tamén para as 19.30 horas e aberta ao público ata completar aforo, este músico dará a coñecer unha publicación na que reúne unha escolma de exercicios específicos para tocar pechado, así como máis dun centenar de partituras tradicionais.