DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Doce persoas de diferentes idades traballan na preparación dunha obra

A Aula de Teatro preparase para volver aos escenarios

O obxectivo é presentar a montaxe nunha nova edición da Miteu

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Teatro
  • Deportes
DUVI Pontevedra 23/02/2023

Doce persoas de diferentes idades, tanto alumnado de grao como persoas alleas á comunidade universitaria, participan no presente curso na segunda edición da Aula de Teatro do campus, que lles permite coñecer de primeira man as diferentes fases da montaxe dunha obra teatral, desde a elección do texto ata a súa representación final. Inserida na programación de extensión cultural da Vicerreitoría, trátase dunha actividade formativa impartida polo actor e director teatral Salvador del Río que, en primeiro termo, propón ás e aos asistentes un primeiro achegamento ao traballo corporal e vocal, para logo traballar na preparación da obra que presentarán nunha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) de Pontevedra. 

“É un grupo moi heteroxéneo”, recoñece Del Río das e os participantes nunha actividade aberta a toda a cidadanía e na súa segunda edición reúne tanto participantes na aula o pasado curso como novos e novas integrantes, “tanto estudantes da Universidade como persoas de fóra”, explica. Con dúas sesións semanais na Facultade de Belas Artes, o obxectivo desta aula é iniciar aos participantes nas diferentes fases do proceso de creación teatral. De aí que a actividade arrancase o pasado mes de novembro poñendo o foco, nun primeiro termo, “no traballo de creación de grupo”, como explica o seu responsable.

Nese senso, as primeiras sesións deste curso de 100 horas centráronse na realización dunha serie de exercicios que axudasen aos e ás participantes “a tomar consciencia corporal e vocal e familiarizarse co espazo teatral”. Como explica o tamén responsable de Teatro de Ningures, o punto de partida desta actividade foi a abordaxe de aspectos que “na vida cotiá, facemos mecanicamente”, como comunicarse ou desprazarse polo espazo, pero que “no teatro son as nosas ferramentas”. De aí que o primeiro bloque de actividades estivese centrado en afondar “no coñecemento desas ferramentas”, o corpo e a voz, co obxectivo de coñecer “que emocións podemos proxectar con elas, para poder utilizalas despois”, a través dun conxunto de exercicios preparatorios, dirixidos tamén a fomentar a capacidade de concentración, memoria, oratoria e expresión, creatividade, sentido do ritmo e musicalidade.

Traballando coa estrea no horizonte

Xa no remate do primeiro cuadrimestre, chegou o primeiro de coñecer “o texto co que imos traballar” e que, como explica Del Río, “será unha obra feita para este elenco”, que englobará “varias escenas cunha temática común”. Tras unhas semanas de parón, a aula retomou a actividade neste mes de febreiro xa centrada no traballo deste texto e nos preparativos para levalo ao escenario. O resultado final presentaranse nunha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario, que o campus recuperou en 2022 despois de doce anos. Así mesmo, explica Del Río, a idea é que esta montaxe estea presente nas programacións da Miteu de Vigo e Ourense, á vez que se buscará levala tamén “a outras mostras de teatro universitario en Galicia”.