DUVI

Diario da Universidade de Vigo

30 horas para aprender a expresar ideas e emocións a través da lingua de signos

As barreiras lingüísticas coa comunidade xorda redúcense no obradoiro ‘Comunícate coas túas mans’

O curso encheu as 20 prazas ofertadas no campus vigués

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 09/04/2019

A lingua de signos é un sistema de comunicación, empregado maioritariamente polas persoas xordas ou con problemas auditivos e a súa contorna, que se basea en xestos e signos naturais para expresar ideas e sentimentos. Este cuadrimestre, a vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria está a desenvolver  no campus de Vigo o obradoiro Comunícate coas túas mans: lingua e cultura da comunidade xorda, no que se encheron as 20 prazas ofertadas e mesmo quedou xente en lista de agarda. Os motivos polos que triunfa esta actividade son diversos, “moitas persoas senten curiosidade, outras buscan tamén dar resposta as súas inquedanzas e dúbidas respecto á realidade diaria deste colectivo e os problemas e barreiras aos que ten que facer fronte”, explica a docente e especialista en lingua de signos española da Universidade de Vigo, Ana Fernández Soneira.

O obxectivo principal do obradoiro é que o alumnado adquira coñecementos que faciliten manter unha conversa básica a través dos xestos e signos e, á vez, coñecer o contexto lingüístico, social e cultural no que se desenvolve o colectivo xordo.  Ao longo de 30 horas as e os asistentes ao taller achéganse ao nivel inicial da lingua de signos, unha aprendizaxe que, segundo Soneira, é apaixonante, “paréceme moi importante achegar á sociedade a LSE, xa que iso supón aproximarnos a un sistema de comunicación que contribúe a ir construíndo algunhas pontes para entendernos e a traballar pola inclusión”, engade a docente. 

Unha primeira aproximación á lingua de signos española 

Os contidos que se traballan ao longo do cuadrimestre son de carácter práctico como presentarse, pedir e dar datos persoais ou falar de elementos vinculados á cultura e ao colectivo xordo. Nas primeiras sesións do curso, “empregamos a atención, a memoria e a discriminación visual, aspectos fundamentais para familiarizarse cos signos”, explica a experta en LSE, quen asegura que estas sesións están a ser moi motivadoras para as docentes, e o estudantado, que  está a amosar moitísimo interese “e sempre sae cun sorriso da clase e cos ollos cheos de curiosidade. As e os participantes queren coñecer axiña os signos dos elementos da súa contorna como os lugares nos que viven ou os seus pasatempos, entre outros”, engade Soneira.

O alumnado do curso pertence a diferentes titulacións da Universidade de Vigo nas que existe certo vencello con esta formación. “A maior parte é ou ben da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que pensan na posibilidade de ter alumnado con problemas auditivos nas aulas e queren aprender a poder interactuar minimamente, ou da Facultade de Filoloxía e Tradución porque queren aprender unha lingua máis e dunha modalidade diferente, polo que tratamos de cambiar a súa visión da linguaxe como códigos orais”, explica Soneira. Ademais destes dous centros, tamén hai representación de diferentes facultades como Comunicación, Belas Artes e das escolas de Enfermería e de Enxeñaría, que queren, segundo a docente, achegarse a un novo modo de interacción e a unha experiencia diferente.

Un proxecto con vocación de continuidade 

A fronte do obradoiro Comunícate coas túas mans: lingua e cultura da comunidade xorda, está a docente e investigadora da Universidade de Vigo Concha Báez, directora do grupo de investigación GRILES, no que tamén traballa Soneira. Ademais delas dúas, tamén imparten docencia Alba Puentes, intérprete de LSE matriculada no grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios e Manuel Lema, alumno xordo do Grao en Belas Artes. Xuntos esperan manter a oferta formativa nos vindeiros cursos académicos nos diferentes campus e tamén “poder organizar actividades de nivel máis avanzado para que o alumnado poida seguir gozando da LSE”, conclúe a docente.