DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha exposición que reúne obras de 13 docentes e artistas formados na facultade

Belas Artes reivindica no Museo a súa influencia en diferentes xeracións

‘Campo de Sementes 2’ poderá visitarse ata o 28 de xaneiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 23/11/2023

Dunha docente xubilada a unha graduada o pasado curso, artistas de diferentes xeracións, todos eles ligados á Facultade de Belas Artes como docentes ou antigos alumnos, protagonizan Campo de Sementes 2, a exposición inaugurada na tarde deste xoves no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. A través das creacións de trece artistas, a mostra que poderá visitarse ata o 28 de xaneiro busca proxectar “a diversidade de xeracións e linguaxes artísticas que se están a dar no seo da facultade e que, cómpre non esquecelo, están a construír o edificio da arte contemporánea galega”, como sinala o decano, Xosé Manuel Buxán, comisario desta exposición. 

Organizada polo Museo en colaboración coa Universidade de Vigo, esta mostra dá continuidade a exposicións previas que combinaban tamén traballos de profesorado e artistas formados no centro, como De mestras e mestrados, inaugurada no Edificio Sarmiento a finais de 2020, e a primeira edición de Campo de Sementes, que puido verse en 2021 na Fundación RAC. Nestas dúas mostras participaron 26 artistas, aos que agora se suman outros 13 nunha proposta na que “hai un gran peso das novas xeracións” de profesores e profesoras, varios deles antigos estudantes da facultade. Ese é o caso de Lucía Romaní, Sonia Tourón e Miguel Cuba, aos que se suman as tamén docentes Carmen Lage e Xisela Franco. Nesa idea de reunir diferentes xeracións, a mostra acolle obras da profesora xa xubilada Teresa Pajares e dos docentes Ignacio Pérez-Jofre, Manolo Dimas e Elena Fernández Prada. No outro lado da balanza, están tamén presentes as creacións de exalumnos como Juan Fontaíña e Maruxa Alonso, graduada o pasado curso, xunto coas do investigador predoutoral Carlos Fer. Ás súas pezas, “todas elas obras recentes”, como lembra Buxán, súmanse dous cadros da que fora profesora da facultade Berta Cáccamo, falecida en 2018. Trátase, como explica o comisario, de dúas pinturas “da súa época de formación”, realizadas en 1984 e 1986 e pertencentes a coleccións particulares de profesorado de Belas Artes, coas que a exposición busca ser tamén unha homenaxe á artista.

Da diversidade de xeracións á diversidade de linguaxes

“Un dos eixes centrais da proposta é seguir amosando o que se fai en Belas Artes”, subliña Buxán. Con ese obxectivo, a exposición busca reflectir tamén unha “diversidade de linguaxes artísticas”. Nese senso, a mostra reúne obras pictóricas como a de Fernández Prada, pezas escultóricas como as de Fontaíña ou traballos fotográficos como os de Maruxa Alonso. Esa “disparidade de intereses” estrutúrase á súa vez en dous bloques, como explica Buxán, un que reúne creacións “de temática abstracta e outro máis figurativo e naturalista”. No primeiro grupo atópanse, entre outras, as creacións de Teresa Pajares e Carlos Fer. No segundo, reúnense pezas como as ilustracións dixitais sobre a relación entre a publicidade e o patrimonio artístico de Cuba, os cadros nos que Dimas combina “debuxo, colaxe e pintura” as fotografías de Lage ou as pezas construídas por Tourón con elementos naturais.

Ao mesmo, tempo, sinala Buxán, preséntanse tamén unha serie de obras “que transitan entre ambos territorios”, como a peza de Pérez-Jofre, que parte do “traballo coa cidade” e que foi realizada con carteis atopados na rúa; a paisaxe que Romaní compón “con manchas de cor” ou a videoinstalación de Franco, “que parte dunha investigación” sobre a antiga fábrica de louza Álvarez, en Vigo.