O profesor e investigador Manuel Reigosa Roger, catedrático de Fisioloxía Vexetal, aspira a ser o próximo reitor da Universidade de Vigo. Presentarase ás eleccións do vindeiro 23 de abril como principal cara visible dun novo proxecto denominado H2040, Horizonte 2040, un nome que fai referencia ao futuro xa que, segundo explicou, o seu obxectivo prioritario é xuntar os esforzos de todos e todas para chegar a ese ano 2040 ben preparados. “Fágoo con toda a ilusión do mundo. Levo nesta Universidade desde antes mesmo da súa creación, pois xa era profesor aquí cando se produciu a segregación das tres universidades galegas e temos moita ilusión por levar de novo esta Universidade á primeira división”, explicou o catedrático tras ser elixido candidato por unanimidade nunha asemblea celebrada na sala de xuntas da Escola de Enxeñería Industrial.
20/02/2018