Segundo a ONU falecen cada día 14 persoas tratando de chegar a Europa fuxindo de guerras, persecucións e fame; en 2016 foron 5000 as persoas que perderon a vida tratando de cruzar o Mediterráneo. Unha crise humanitaria que levou ao persoal da Biblioteca Universitaria a implicarse empregando as súas ferramentas de traballo, os libros. O proxecto Libros salvavidas trata de que cada libro sirva para axudar a aqueles que cruzan un mar na procura dun futuro; unha doazón de libros solidaria cuxa venda achegará recursos económicos destinados ao rescate das e dos refuxiados que foxen da guerra e da morte. E é que como explicaban no coloquio inaugural desta campaña solidaria, que este martes tivo lugar no Centro Comercial de Cidade Universitaria, representantes de ONGs, voluntarios, xornalistas e políticos, o que realmente queren as persoas que chegan ás fronteiras europeas “é vivir, salvar a súa vida, non morrer e non ter que matar para seguir vivos, é unha cuestión de pura supervivencia”.
25/04/2017