Entre os 100 artigos científicos máis citados da historia só aparece o nome dun español, o catedrático da Universidade de Vigo David Posada. O seu paper, publicado en 1998 na revista Bioinformatics ocupa o posto 76 dos textos máis citados, segundo o ránking publicado esta semana pola revista Nature. O artigo, titulado MODELTEST: Testing the model of DNA, foi citado 14.099 veces e é o noveno máis recente dos 100 que se recollen nesta clasificación. De feito, o máis citado da historia é un artigo asinado por Lowry, O. H., Rosebrough, N. J., Farr, A. L. & Randall, R. J., sobre a medición da proteína co reactivo de fenol de Folin, que foi publicado en 1951 e acumula 305.148 citacións. O artigo de Posada describe unha ferramenta bioinformática que deseñou durante a súa estadía nos Estados Unidos para realizar o seu doutoramento na Brigham Young University.
30/10/2014