“Un modelo masculino, novo e sen discapacidade”. Esta é a visión estereotipada da sociedade que se ve plasmada nos libros de texto de Educación Física da ESO, segundo comprobou Alba González despois de analizar para a súa tese de doutoramento as preto de 7000 fotografías recollidas en 39 manuais de secundaria. “Os libros de texto céntranse nun modelo de corpo belo, saudable e perfecto e nun modelo de práctica físico-deportiva competitiva e de elite”, sostén esta investigadora, tras comprobar que menos do 1% das imaxes destes manuais correspondían coas de persoas maiores e o 1,2% con persoas con discapacidade, motivo polo que alerta de que estas imaxes trasladan ao alumnado un imaxinario “que non é realmente o que se atopa na sociedade”. Do mesmo xeito, González tamén abordou a evolución vivida desde a implantación da LOGSE á posterior LOE, para concluír que os cambios neste eido “son moi poucos”.
12/05/2016