Considerada unha das zonas con maior número de especies endémicas das Antillas, a illa de Hispaniola, que comparten a República Dominicana e Haití, vén de ver incrementado o número de especies que só poden atoparse na súa xeografía coa Hypolestes hatuey, un novo tipo de libélula descrito por un equipo de investigadores do que forma parte o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero. Xunto ao docente da Universidade de Oriente de Cuba Yusdiel Torres, a tamén investigadora da Universidade de Vigo, Olalla Lorenzo, actualmente na Universidade de Liverpool, e a profesora da Universidade do Porto Sónia Ferreira, Cordero asina un artigo na revista Zootaxa, no que se describen as características desta nova especie do “enigmático xénero” Hypolestes, no que se agrupan unha serie de libélulas propias destas illas do Caribe.
02/02/2016