Máis de 700 mulleres asasinadas na última década polas súas parellas ou ex parellas en España, 140.000 denuncias ao ano por delitos ou faltas relacionadas coa violencia machista, 40 nenos e nenas orfos só en 2013... Cifras e estatísticas ante as que este martes 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, a comunidade universitaria só quixo dicir unha cousa: basta xa. A Universidade de Vigo sumouse a esa reivindicación de igualdade coa organización por parte de distintos colectivos de paseos, bailes, exposicións e concursos fotográficos cos que pór enriba da mesa unha realidade ante a que toda a sociedade debe abrir os ollos. “Oxalá chegue un día no que non teñamos que reivindicar esta data porque todos sexamos iguais, independentemente do noso corpo, da nosa cor de pel ou da nosa relixión. Oxalá chegue un día no que non haxa nin un soa agresión máis contra as mulleres”, salientou a profesora María Lameiras.
25/11/2014