DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha reunión do vicerreitor e as súas promotoras

O campus e a asociación Mirada Mulleres +60 exploran vías de colaboración

A entidade naceu recentemente co obxectivo de loitar contra o edadismo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cooperación
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 15/09/2023

Nunha sociedade cada vez máis envellecida como a ourensá e a galega, as persoas maiores e as súas necesidades está cada vez máis presentes. Precisamente co reto de defender os intereses deste colectivo e visibilizar a súa realidade, especialmente no caso das mulleres, vén de pórse en marcha en Ourense a asociación Mirada Mulleres +60. Esta semana, as súas representantes reuníronse co vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo, co obxectivo de dar a coñecer a nova entidade e de comezar a explorar vías de colaboración.

Na xuntanza, o vicerreitor salientou a pertinencia de traballar en temas arredor do envellecemento tendo en conta a realidade demográfica da provincia de Ourense. Neste senso, explicou como no campus de Ourense, no eido docente cóntase cun Programa Universitario de Maiores, que abre as aulas universitarias a alumnado sénior, ofrecéndolle diferentes programas de formación. Ademais, o pasado curso académico púxose en marcha o Programa de Doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento, iniciativa na que participan as tres universidades galegas lideradas pola UVigo e as lusas de Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro, no marco do proxecto Universidade sem Fronteiras (UNISF).

Igualmente, Rodríguez Rajo apuntou que o envellecemento e diferentes cuestións relacionadas con el é unha temática que forma parte da liña de investigación de diferentes especialistas do campus de Ourense, como é o caso do profesor da Facultade de Educación e Traballo Social José María Faílde, director do citado programa de doutoramento e presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría. “Esta nova asociación, Mirada Mulleres +60, quere traballar en temas de edadismo a todos os niveis, desde a violencia de xénero á cultura, polo que estamos encantados de reunirnos coas súas representantes para poder coñecer os seus proxectos e ver posibilidades de colaboración”, sinalou o vicerreitor.

Concienciar e visibilizar

A presidenta de Mirada Mulleres +60, María Antonio Rilo, explicou que a xuntanza forma parte da ronda de presentacións que están a facer para dar a coñecer a súa entidade, que naceu recentemente por iniciativa de 14 mulleres de diferentes eidos profesionais, desde a medicina á empresa. Segundo explicou, a asociación xorde para “loitar contra o edadismo, para concienciar á sociedade sobre o trato discriminatorio que moitas veces se fai cara as persoas maiores, como a súa infantilización, cousas que nos parecen pequenas pero que teñen moita importancia”. Porén, subliñou, “vámonos a centrar moito no tema da violencia de xénero na muller maior, que por unha serie de circunstancias, como pode ser a falta de independencia económica, non denuncia” e en traballar para que “non se invisibilice á muller maior”. María Antonio Rilo recalcou a importancia de que “se teña en conta a opinión das persoas maiores á hora de deseñar unha cidade e as súas actividades, que se oia a nosa voz”, avogando pola posta en marcha nos concellos de Consellos de Maiores, entre outras iniciativas.