DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Aula Permanente de Música Tradicional inicia o seu sexto ano de traxectoria

Co inicio do curso, as gaitas retornan ao campus

46 persoas participan nunha actividade que cubriu as súas prazas 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Música
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 08/09/2022

Un total de 46 persoas de diferentes idades e tanto pertencentes á comunidade universitaria como alleas á institución académica protagonizan o sexto ano de andaina da Aula Permanente de Música Tradicional Galega do campus. Con todas as súas prazas cubertas, en gran medida por alumnos e alumnas que repiten participación, esta actividade formativa promovida pola Vicerreitoría do campus iniciou xa un novo curso, no que buscarán profundar no seu manexo de diferentes instrumentos tradicionais, á vez que consolidar e ampliar repertorio de cara a futuras actuacións. “No primeiro cuadrimestre imos preparar diferentes cousas que temos en mente coas que ir revisando e actualizando un pouco o repertorio, para que, partindo dunha base estable que xa está aí, eles tamén se divirtan aprendendo temas novos”, salienta o músico Suso Vaamonde, responsable dunha actividade formativa que, tras as limitacións ás que obrigou a pandemia, puido “consolidarse o ano pasado”, no que as e os integrantes da aula protagonizaron unha serie de actuacións en diferentes espazos.

De feito, ademais de participar en graduacións e diferentes actos institucionais da UVigo, a aula permanente pechou o pasado curso cun ciclo de concertos en diferentes prazas de Pontevedra, promovidos coa colaboración da Concellería de Promoción Económica e Universidades. De cara ao curso que iniciaron esta semana, Vaamonde destaca en primeiro termo a continuidade das e os participantes nunha actividade, “na que repiten practicamente todos os que estiveron o curso pasado e á que incorporamos tamén algunha xente nova”. Nese senso, a experiencia acumulada polas e polos participantes nesta actividade, dos que unha parte permanecen desde a súa primeira edición, fai posible “que agora o traballo de aprendizaxe sexa menor e poidamos dedicar máis tempo á posta e punto e ensaio”, sinala. 

“A sensación coa que iniciamos o curso é moi positiva, porque ampliamos matrícula e as prazas cubríronse case que inmediatamente”, engade Luis Torres, integrante da aula e novo director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, que participaba este luns na sesión de presentación dunha aula que, sinala, arranca “con moitos proxectos” este curso 2022-2023.  

A oportunidade de achegarse a diferentes instrumentos

Dirixida a iniciarse ou perfeccionar o manexo de diferentes instrumentos populares, a aula permanente retorna neste curso á Escola de Enxeñaría Forestal, onde desenvolven cada luns unhas sesións formativas estruturadas en diferentes bloques de instrumentos. “Isto tamén nos permite que os participantes poidan aprender varios instrumento”, salienta Vaamonde, que incide en que “preto do 80%” das e os asistentes formaranse ao longo do curso en dous diferentes. Con esa idea, cada xornada arranca coa formación dedicada á gaita, para logo, nunha segunda hora, reunir gaitas e percusións nun bloque conxunto, “que tamén nos serve de ensaio”. A partir de aí, a sesión céntrase xa na percusión para dedicar as últimas horas a acordeóns, ocarinas, requintas e zanfonas.