DUVI

Diario da Universidade de Vigo

12 bolsas Incuvi Emprende, catro Avanza e unha Consolida

Convocadas as axudas Incuvi ao Emprendemento para o alumnado da UVigo

As persoas interesadas poden enviar as súas solicitudes ata o luns 20 de novembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 14/11/2023

Xa está aberto o prazo para presentarse a unha nova edición das axudas Incuvi ao Emprendemento da Universidade de Vigo: 12 axudas Incuvi Emprende  para aquelas ideas que se atopan no seu nivel de desenvolvemento máis básico; catro axudas Incuvi Avanza para os proxectos que xa teñen certo nivel de maduración e unha axuda Incuvi Consolida para que unha iniciativa xa constituída, que pasou polo programa Avanza,  poida, definitivamente, validar a súa idea de negocio e analizar a existencia dunha demanda real no mercado.

Tres tipos de axudas, segundo o grao de desenvolvemento da idea

As axudas Incuvi Emprende, que este ano acadan xa a súa duodécima edición, van dirixidas a apoiar as ideas emprendedoras que xurdan entre o estudantado e persoas recentemente tituladas pola Universidade de Vigo co fin de fomentar o espírito emprendedor e impulsar as habilidades e competencias emprendedoras entre a comunidade universitaria. Neste caso a axuda consiste na formación e titorización do equipo emprendedor durante un período de preincubación de seis meses, de febreiro a xullo, tempo no que elaborarán un modelo de negocio das ideas presentadas.

No caso das axudas Incuvi Avanza van dirixidas a acelerar os proxectos emprendedores de maneira que poidan validar a idea e analizar si existe ou non demanda real. Nesta caso a axuda consiste nunha achega económica de ata 1000 euros por proxecto, así como un completo programa de formación, mentorización personalizada e asesoramento no desenvolvemento da idea de negocio.

Dirixidas á consolidación de proxectos emprendedores viables, a IV axuda Incuvi Consolida permitirá que a persoa ou equipo beneficiario poida seguir madurando e desenvolvendo o seu proxecto. Para isto faráselle entrega dunha achega económica máxima de 1.000 euros que lle permitirán facer fronte aos custos derivados da consolidación do proxecto, así como a axuda dun equipo de mentores e mentoras que asesorarán os proxectos ao longo dun período comprendido entre seis e oito meses, desde febreiro a setembro 2024.

Amplo equipo de entidades colaboradoras

Impulsadas pola Universidade de Vigo, as axudas Incuvi contan desde os seus inicios cun amplo equipo de entidades patrocinadoras e colaboradoras, entre elas, Abanca, a Autoridade Portuaria de Vigo, Banco Santander, BBVA, CTAG (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia) ou o Consorcio da Zona Franca de Vigo. Ademais, o desenvolvemento do programa vense beneficiando da colaboración con outras institucións, tales como a Asociación de Xoves Empresarios de Vigo, a Business Factory Food, Business Factory Aero e Business Factory Auto, a Fundación Celta, a Fundación Ronsel, a Tecnópole, ou a Xunta de Galicia, entre outras.

Solicitudes ata o 20 de novembro

O prazo de presentación das solicitudes, en calquera das tres axudas, manterase aberto ata o vindeiro luns 20 de novembro ás 23:59 horas (hora peninsular española) a través da Secretaría Virtual da UVigo.  As ideas emprendedoras poderán presentarse de xeito individual ou en equipo de catro persoas como máximo, unha das cales debe exercer como coordinadora. Na web poden consultarse os detalles dos requisitos e documentación necesaria para facer as solicitudes.