DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abertos á cidadanía en xeral, o prazo para matricularse prolongarase ata o 10 de febreiro

Costura creativa, etnobioloxía e robótica educativa renovan a oferta de obradoiros do segundo cuadrimestre

Renovan os tradicionais talleres de teatro, música tradicional, ukelele ou agricultura orgánica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
D. Besadío DUVI 01/02/2022

Un obradoiro creativo de costura no que cada asistente poida aprender a reciclar as súas propias prendas, outro co que achegarse ao mundo da etnobioloxía e as súas aplicacións, ou unha proposta sobre as denominadas habilidades ‘maker’, nas que se unen cuestións tan actuais como robótica educativa, deseño e impresión 3D. Estas son algunhas das novidades da programación de obradoiros de Extensión Universitaria para o segundo cuadrimestre, 11 talleres nos que as novidades compartirán espazo con propostas clásicas para as que nunca faltan adeptas e adeptos e que inclúen cuestións como teatro, música, agricultura ecolóxica e cosmética natural.

Abertos á cidadanía en xeral, as persoas interesadas en matricularse nalgún destes talleres  teñen de prazo para facelo ata o vindeiro 10 de febreiro. Os prezos oscilan entre os 26 euros para as persoas da comunidade universitaria, 32 para outros colectivos vencellados á UVigo e 40 euros para o público en xeral. Con contido eminentemente práctico, a maioría desenvólvense en horario de tarde.

Costura e etnobioloxía, as dúas grandes novidades

Impartido pola deseñadora viguesa Estafanía Carrera, o Obradoiro creativo de costura: recicla as túas prendas arrancará o 24 de febreiro. As clases serán todos os xoves de 16.00 a 19.00 horas, ata o 31 de marzo, nun dos locais da Cidade Universitaria. Serán sesións moi prácticas nas que se tratará de achegar ao alumnado o patrón e costura mediante tecidos, prendas recicladas, etc...,  de xeito que as persoas que asistan lle poidan dar unha segunda vida á súa roupa e coñecer a sensación de satisfacción que produce crear algo un mesmo.

Etnobioloxía, a nosa relación coa natureza é outra das principais novidades. Neste caso o obradoiro levarase a cabo na Facultade de Química, os xoves de 16.00 a 18.00 horas do 24 de febreiro ao 5 de maio. Son 20 horas nas que un equipo de catro docentes tratarán de que os asistentes aprendan conceptos teóricos sobre etnobioloxía e coñezan as súas aplicacións en diferentes ámbitos da vida cotiá, así como a relación dos diferentes organismos co ser humano ao longo da historia (alimentación, medicina, usos domésticos e rituais).

Obradoiros tecnolóxicos na asociación A Industriosa de Vigo

Dirixidos por Almudena  Alonso e Miguel Gesteiro tamén son novos os obradoiros Deseño 3D e impresión 3D prácticos e Habilidades ‘maker’ para a educación con Escornabot: robótica educativa, deseño, impresión 3D e programación. Impartiranse ambos no espazo A industriosa-, unha asociación sen ánimo de lucro que xestiona e promove un medialab na cidade de Vigo –rúa Barcelona, 13-, un espazo onde ‘makers’, comunidades tecnolóxicas e empresas, dispoñen do equipamento necesario para poder levar a cabo os seus proxectos. A cultura ‘maker’ é a cultura do ‘faino ti mesmo’, polo que este taller levarase a cabo cunha metodoloxía moi práctica buscando traballar un tema de interese social na actualidade como son as habilidades ‘maker’ e as novas linguaxes, en concreto centrándose en metodoloxías innovadoras e no enfoque STEAM, incorporando a robótica educativa, o deseño e impresión 3D e a electrónica e programación a través dun proxecto creado en Galicia dende o eido educativo para a comunidade educativa.

Nivel avanzado de ukelele, música tradicional galega, teatro...

Impartido polo músico profesional Francisco Almodóvar, as novidades chegan tamén da man do Obradoiro de ukelele que, por primeira vez, impartirá o nivel avanzado, polo que para inscribirse deberá terse xa certo manexo deste instrumento. Será todos os venres, do 18 de febreiro ao 29 de abril, de 10.00 a 13.00 horas nos camerinos do teatro. A outra opción musical é a Aula de música tradicional, na que se inclúen canto, percusión, gaita e baile tradicional galego. Neste caso, como xa é habitual, os ensaios serán no Teatro Roberto Vidal Bolaño da Cidade Universitaria todos os luns de 15.30 a 18.30 horas.

Dentro do ámbito cultural sitúase tamén o Obradoiro Posta en escena dunha obra teatral, se ben neste caso, se dirixe especificamente ás persoas que durante o primeiro cuadrimestre xa asistiron ao obradoiro de Iniciación ao teatro ou con coñecementos previos desta arte. Os ensaios  realizaranse como é habitual na sala de ioga do edificio de Deportes.

...E moita natureza

Como cada ano mantense tamén a aposta por aqueles talleres que teñen a contorna natural como eixe central. Por unha banda, volve o Obradoiro de Domesticación de cogomelos, unha proposta que se centra no cultivo práctico de varias especies de cogomelos de interese gastronómica e, pola outra, o de Usos das árbores, dirixido a ensinar diferentes conceptos en torno a árbores e arbustos arborescentes e as súas aplicacións en diferentes ámbitos da vida cotiá.  Ademais, tentarase que o alumnado aprenda a empregar diferentes ferramentas para a identificación práctica das árbores e arbustos.

Mantense tamén o Obradoiro práctico de agricultura orgánica, como é habitual no horto universitario situado de detrás do Cinbio, e o de Cosmética natural aproveitando a contorna, que se celebra no centro comercial de Cidade Universitaria e comprende tamén saídas de campo para identificar e apañar as plantas necesarias para a elaboración dos preparados.