DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Almudena Fernández e Suso Fandiño realizan dúas intervencións no exterior e interior do museo

Docentes de Belas Artes transforman o CGAC no seu 30 aniversario

As súas propostas complementan unha exposición conmemorativa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 12/07/2023

Considerada unha das principais institucións artísticas de Galicia, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) celebra neste 2023 o seu 30 aniversario, conmemoración na que se enmarcan as intervencións realizadas neste museo de Santiago de Compostela polos artistas e profesores da Facultade de Belas Artes Almudena Fernández Fariña e Suso Fandiño. Ambos foron os dous últimos protagonistas das exposicións que este centro dependente da Xunta de Galicia dedica cada ano a “artistas galegos de media carreira” e foron tamén os escollidos para intervir no exterior e interior do CGAC. Por unha banda, Fernández Fariña deseñou para o seu vestíbulo o proxecto Flor e acanto, unha intervención pictórica que busca conectar o museo deseñado polo arquitecto portugués Álvaro Siza co contiguo convento de San Domingos de Bonaval. Por outra, desde o seu exterior pode contemplarse un rótulo luminoso no que se le “o CGAC está aquí”, unha instalación coa que Fandiño pon o foco na propia presenza do museo na cidade, recorrendo a iconografía dos mapas turísticos. 

Co obxectivo de propor un percorrido por estas tres décadas de traxectoria, este martes inaugurábase a exposición Traballo en equipo, na que se integran dúas mostras complementarias, emprazadas no propio CGAC e no Museo Centro Gaiás. Ao mesmo tempo, este centro buscou tamén pór en valor o protagonismo outorgado ao longo da súa historia ás instalacións creadas especificamente para esta instalación museística e “reivindicar os seus espazos como lugares abertos á experimentación e á reinterpretación plástica”. Con esa idea, convidou aos dous últimos protagonistas das exposicións dedicadas a artistas de media carreira, Suso Fandiño, que presentaba o ano pasado Wunderkammer, e Almudena Fernández, que estreaba en xuño a mostra Pisando charcos, comisariada pola tamén profesora de Belas Artes Susana Cendán. Esta proposta completarase en setembro revisitando unha instalación realizada polo artista brasileiro Ernesto Neto en 2001.

Flor e acanto

Completando a exposición que poderá visitarse ata o 10 de setembro, a tamén investigadora do grupo dx5 Almudena Fernández Fariña realizou para esta conmemoración do 30 aniversario unha intervención que desde o CGAC presentan como “un suxestivo diálogo entre a pureza minimalista de Álvaro Siza Vieira e o barroquismo do convento de San Domingos de Bonaval”. Tomando como motivo unha folla de acanto, “un elemento vexetal típico da iconografía barroca”, presente na fachada do convento, Fernández Fariña realizou con grafito unha pintura site specific, na que “sintetiza, repite e expande” este motivo vexetal, estilizado nunha forma triangular “que coincide coa forma da planta do vestíbulo”, explica.

Flor e acanto vincúlase á memoria do lugar, reivindicar a carga simbólica do ornamento, utilízao como estratexia expansiva para cubrir e transformar o espazo, confrontando as súas formas orgánicas e vexetais á pureza e racionalismo da arquitectura”, salienta esta artista e docente, que complementa con esta obra o percorrido pola súa traxectoria artística que propón a exposición que nestas semanas pode visitarse no CGAC e que dedica un dos seus apartados as súas intervencións pictóricas en diferentes espazos expositivos. “Na miña intervención, como en anteriores proxectos, estudo o espazo e analizo características formais, decorativas, simbólicas ou funcionais, que me proporcionarán as pautas de actuación”, sinala a artista, que recoñece o “privilexio” que supón poder desenvolver para un espazo como o CGAC unha proposta artística na que explora a “dimensión decorativa da pintura” e que poderá verse neste museo ata xaneiro.

O CGAC está aquí

Esta frase dá título á instalación ideada por Fandiño que permanecerá ata finais de outubro na terraza do CGAC, un rótulo luminoso situado na terraza do edificio, visible a calquera hora do día desde diferentes puntos da cidade e “concibido como a afirmación da presenza do museo e da súa integración no tecido urbanístico e social de Santiago Compostela”, como sinalan desde o CGAC. “A idea de produción desta peza tiña que ver con esa visibilidade exterior. Dalgunha maneira é unha chamada de atención, non só á cidadanía, senón tamén ás institucións, sobre o progresivo apartamento que sofre a cultura dentro das propostas de ocio para a cidadanía”, recoñece o artista e docente.

Con esa idea, Fandiño válese da icona empregada nos mapas turísticos para sinalar o punto no que se atopa o visitante, que xa empregara previamente nunha serie pertencente á colección do CGAC e que forma parte das obras seleccionadas para a exposición conmemorativa deste 30 aniversario. Nese caso, Fandiño empregaba esa icona sobre mapas de Siria, sinalando algunhas das cidades máis afectadas pola guerra, co propósito de “subliñar a relatividade da información con respecto ao espazo, como un recurso de memoria e conciencia”, como lembran desde o CGAC. Desta volta, fai de novo uso deste elemento para reivindicar a propia existencia do museo e “dalgunha maneira pór en valor a actividade cultural, tanto para o cidadán e o visitante, como para as propias institucións”, salienta o profesor asociado do Departamento de Escultura, que destaca “o marabilloso de que unha institución como esta déache a oportunidade de realizar instalacións urbanas que teñan unha presenza social”.