DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do ciclo Libra de Oficio, terá lugar o día 20 ás 18.00h no Consello da Cultura Galega

Ecobas organiza en Compostela un debate sobre o cinema como fonte de riqueza visible e invisible

Coa participación de Álvaro Gago e Mireia Graell, director e produtora de 'Matria'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Cultura
DUVI 14/07/2023

O centro de investigación Ecobas retoma a vindeira semana o ciclo Libra de Oficio cunha sesión en Santiago de Compostela centrada no mundo do cinema. Baixo o título A industria do cinema: unha fonte de riqueza visible e invisible, o debate contará coa participación do cineasta vigués Álvaro Gago, titulado en Comunicación Audiovisual pola UVigo e director da película Matria e Mireia Graell, produtora da cinta. 

Neste foro, de acceso libre para o público xeral, os relatores afondarán en diversos aspectos relacionados coa sustentabilidade do sector audiovisual e as súas perspectivas de futuro. A riqueza económica, social e cultural inherentes á produción cinematográfica e os aspectos éticos ligados a esta industria serán abordados nunha conversa entre os dous protagonistas, aberta ao coloquio posterior coas persoas asistentes. 

A xornada terá lugar no salón de actos do Consello da Cultura Galega o xoves día 20 a partir das 18.00 horas con entrada de balde ata completar a capacidade da sala.

Libra de oficio, un espazo de encontro coa sociedade

Coa posta en marcha en 2021 do ciclo Libra de Oficio, Ecobas buscaba xerar un espazo de encontro coa sociedade e apostaron por facelo a través de seminarios e conferencias de transferencia do coñecemento. Neles, representantes de diferentes entidades de interese, como empresas, administracións ou asociacións comparten co público a súa experiencia e as particularidades do seu sector e do seu traballo. Nas dúas primeiras edicións participaron persoas procedentes de sectores como o viticultura, a artesanía, o cinema, a enerxía ou o eido editorial.


O nome deste ciclo de eventos provén do refrán popular galego ‘Máis vale libra de oficio ca arroba de terra‘, que ten o mesmo significado que ‘o saber vale máis que o ter’, e que quere poñer de manifesto a importancia da investigación e o coñecemento para o desempeño de calquera actividade e, por tanto, a importancia de que os centros de investigación “traballemos man a man co resto dos actores sociais e coa cidadanía, establecendo colaboracións e manténdonos sempre en contacto directo coa sociedade”, explican dende Ecobas.