DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con dúas sedes, unha no campus e outra na cidade, aglutina arredor de 3000 estudantes e 350 docentes

Enxeñería Industrial celebrará eleccións o 9 febreiro co profesor José Fariña como único candidato

De confirmarse a súa elección, substituirá a Juan E. Pardo, no cargo desde o ano 2017

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 24/01/2024

Coñecida como ‘buque insignia’ da Universidade de Vigo, por ser o centro de maior tamaño da institución académica viguesa, a Escola de Enxeñería Industrial elixirá o vindeiro 9 de febreiro novo equipo directivo e farao co profesor José Fariña Rodríguez, do Departamento de Tecnoloxía Electrónica, como único candidato. Así se fixo público este mércores coa publicación das candidaturas provisionais, neste caso unha única opción na que o profesor Fariña está acompañado por outros sete docentes do centro: Pablo Izquierdo, Rafael Comesaña, Rafael Verdugo, Estrella Álvarez, Xanel Vecino, Cristina Trillo e Antonio Riveiro.

De confirmarse a súa elección, Fariña substituirá no cargo a Juan E. Pardo Froján, profesor do Departamento de Organización de Empresas e Márketing, ao fronte da escola dende o ano 2017, e con el boa parte do seu equipo directivo, algúns do cales están integrados na nova candidatura: Pablo Izquierdo, actual  secretario do centro; Rafael Comesaña, subdirector de Posgrao e Doutoramento; Rafael Verdugo, responsable de Calidade e Innovacion Educativa; Cristina Trillo, de Relacións Internacionais, e Antonio Riveiro, de Infraestruturas da sede campus.

Profesor titular de Universidade, José Fariña é responsable do grupo de investigación División de Deseño e Microelectrónica, especializado, entre outras cuestións, no deseño de sistemas electrónicos para control industrial. No ámbito da xestión ten exercido, entre outros, como director de departamento e membro habitual das diferentes comisións da escola.

Un centro con arredor de 3000 estudantes e 350 docentes

A Escola de Enxeñería Industrial aglutina na actualidade a arredor 3000 alumnas e alumnos matriculados e 350 docentes de máis dunha ducia de departamentos, xestionando tres edificios e case 60.000 metros cadrados de superficie construída, repartidos en dúas sedes, unha na cidade e outra no campus. Impártense en total sete graos, 3 ‘dobres graos’ e 9 mestrados.

Como elementos máis destacados que marcan os últimos anos da escola, co profesor Pardo Froján á fronte, destacan, entre outros, a posta en marcha dos estudos, tanto de grao como de mestrado, de Enxeñaría Biomédica, un logro acadado coa colaboración do Sergas, así como de tres PCEO, Programas Conxuntos de Estudos Oficiais, coñecidos como ‘dobres graos’, neste caso en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática; en Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría en Electrónica Industrial; e en Enxeñaría Biomédica e en Enxeñaría Mecánica. A maiores, este curso púxose en marcha, dentro do catálogo Galicia 2030 impulsado pola Xunta, o Máster en Fabricación Aditiva, un título interdisciplinar, dun ano de duración, orientado a formar profesionais capaces de dirixir o ciclo de desenvolvemento dun produto, desde o seu deseño ata o seu prototipado.

Outro dos feitos destacados é a consecución do selo Eurace  para todas as titulacións do ámbito industrial, así como a renovación do selo internacional ABET concedido pola Accreditation Board for Engineering and Technology, organización estadounidense sen ánimo de lucro formada por máis de trinta sociedades profesionais, recoñecida como líder mundial na garantía da calidade dos plans de estudo das titulacións relacionadas coa enxeñaría e a tecnoloxía.