DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O primeiro premio foi para a imaxe ‘Leyendo taludes de oro’ da enxeñeira María Rocha

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía entrega os premios do concurso fotográfico Enfoca.RME

Desde o centro destacaron a chegada de imaxes provenientes de diferentes partes do mundo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Premios
  • Cultura
DUVI 18/03/2022

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía entregou esta semana os premios do concurso fotográfico Enfoca.RME, unha iniciativa coa que o centro reta ás persoas afeccionadas ao mundo da fotografía a captar as mellores imaxes protagonizadas polos recursos mineiros e enerxéticos desde calquera punto de vista: xeración, transformación, transporte e uso de enerxía, enerxías renovables, explotación de minerais e rochas, obras subterráneas, restauración de espazos mineiros, etc. 

Nesta ocasión o primeiro premio, dotado cun vale de 300 euros, foi para a fotografía Leyendo taludes de oro, realizada pola enxeñeira María Rocha, consultora de voaduras en Rocha Blast Engineers, e o segundo –valorado en 150 euros-, para Cristina Aitana Verde por Verdi 02.

A entrega de galardóns tivo lugar no vestíbulo central da escola e nela contouse coa participación do enlace de Igualdade do centro, Generosa Fernández, e do subdirector José Santiago Pozo, quen amosou a súa satisfacción pola chegada de arredor dunha ducia de imaxes “de elevada calidade” provenientes de todo o mundo, algo que tamén destacou o xurado, composto nesta ocasión polos docentes Mercedes Solla e Pablo Eguía, a PAS María del Carmen Romo, as alumnas Carmen Filgueira e Nuria Castro e o fotógrafo profesional Alejandro Lafuente.