DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto no que traballan conxuntamente co alumnado do CIFP Carlos Oroza

Estudantes da Facultade de Comunicación deseñan para a Subdelegación do Goberno unha campaña sobre violencia machista en espazos de ocio

Os resultados presentaranse no marco dos actos do 25N

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 13/11/2023

Concienciar e aprender a identificar as diferentes manifestacións da violencia machista que poden darse en locais de ocio é o obxectivo da campaña na que traballa o alumnado da Facultade de Comunicación e do CIFP Carlos Oroza, nun proxecto impulsado pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Nunha iniciativa que busca tanto a sensibilización da mocidade como dos profesionais do sector, estudantes dos dous mestrados da facultade e do ciclo de grao medio de Servizos en Restauración traballaron conxuntamente na definición de temáticas e destinatarios das pezas que nestas semanas deseña o alumnado da UVigo, co obxectivo de que poidan presentarse no marco dos actos promovidos pola Subdelegación do Goberno con motivo do 25 de novembro.

Dende a Subdelegación do Goberno indicase que esta iniciativa insírese nas actividades de prevención, sensibilización e concienciación desta institución e busca pór o foco na problemática específica das violencias en espazos de ocio, como bares ou discotecas. A idea é facer partícipe á mocidade e que fosen eles e elas os que acheguen as súas ideas, en lugar de ser só os destinatarios, dando forma a un proxecto conxunto coa Facultade de Comunicación e o CIFP Carlos Oroza. 

Nesta iniciativa participa o alumnado dos mestrados en Dirección de Arte en Publicidade e en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais que, nunha primeira fase, “estiveron traballando nos pasos previos de investigación e detección de necesidades”, como explica a decana da facultade, Emma Torres. Con ese obxectivo, mantiveron un encontro coa responsable da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller e con docentes do Carlos Oroza. Como explica a profesora deste centro Tareixa Fernández, os 35 estudantes do CIFP que participan no proxecto abordaron previamente nas aulas unha serie de “contidos transversais sobre o bo trato”, dirixidos a que “aprendan a detectar situacións nas que hai que intervir”, tendo en conta que as manifestacións da violencia machista “que todos recoñecemos” son só “a punta do iceberg”.

Campañas para cinco públicos

Nunha segunda fase, o estudantado do Máster de Dirección de Arte en Publicidade, compartiu unha “sesión de brainstorming”, como explica Torres, co alumnado do Carlos Oroza, dirixida a “buscar liñas argumentais e creativas para as campañas”. Tras este encontro, o alumnado da materia Planificación Estratéxica decidiu dividirse en “cinco equipos de traballo creativo, que deseñarían campañas para cinco públicos obxectivos”. Concretamente, estes equipos traballan en pezas dirixidas a público masculino en xeral, xente nova que se está a formar en estudos relacionados con este ámbito, mozos e mozas que acoden a espazos de ocio, público adulto rural en espazos de ocio e profesionais do sector. 

Os diferentes equipos contan á súa vez coa colaboración de oito alumnas do Máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos de Contidos Dixitais, que “contribuirán no deseño do plan de medios dixital para cada unha das campañas”, co propósito de definir o modo no que estes contidos se difundirán a través das redes sociais. Deste xeito, esta iniciativa busca ir máis aló da formación e poder xerar tamén algún produto final que permita “divulgar esas conclusións ás que cheguen”, apunta Torres.