DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 21ª edición desta iniciativa de innovación educativa celebrouse este venres na EE Industrial

Estudantes de seis graos presentan no Congreso de Traballos Colaborativos 20 proxectos de temática social

Mobilidade, coidados das persoas maiores, sostibilidade e vivenda centraron a maioría das propostas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Académica
DUVI 01/12/2023

Tras máis de dez anos e 20 edición ás costas, o Congreso de Traballos Colaborativos segue amosando os resultados de unir os esforzos de estudantes de diferentes titulacións para deseñar proxectos de temática social. Este venres, o salón de actos da Escola de Enxeñería Industrial acolleu a presentación de 20 novos traballos elaborados durante estes primeiros meses do curso por 124 alumnos e alumnas de seis graos, principalmente no eido das enxeñarías.

Nesta edición, a maioría dos traballos presentados xiraron arredor da mobilidade, a saúde, os coidados das persoas maiores ou a sostibilidade. Á fronte desta iniciativa docente están os profesores  Lucía Díaz Vilariño, Jose Antonio Alonso Rodríguez e José Luis González Cespón, que explican que o obxectivo desta proposta colaborativa é “fomentar o intercambio de coñecementos, experiencias e proxectos entre os futuros profesionais da enxeñaría e, ao tempo, sensibilizalos sobre os desafíos e oportunidades que presenta a sociedade actual”. Para isto apostan polo traballo colaborativo, unha metodoloxía de aprendizaxe que implica a cooperación, a comunicación, a coordinación e a confianza entre os membros dun equipo, co fin de acadar obxectivos comúns. Esta forma de facer, destacan, “ten múltiples beneficios, tanto a nivel académico como persoal, xa que axuda a desenvolver habilidades como o pensamento crítico, a creatividade, a resolución de problemas, a xestión do tempo, o liderado e a responsabilidade social”.

Para realizar estes traballos, os grupos, que se crearon incorporando estudantes de diferentes titulacións, empregaron a metodoloxía design thinking, que permite xerar solucións innovadoras e centradas nas persoas para resolver problemas complexos o ambiguos. Esta ferramenta baséase, explican os docentes, no modo de traballar dos deseñadores, “que combinan a creatividade, a empatía, a colaboración e a experimentación”. Ademais dos tres coordinadores, outros catro docentes están implicados neste proxecto educativo, encargándose da supervisión e asesoramento académico.

Mobilidade, saúde e sustentabilidade

Os 20 traballos presentados este venres, e dos que dependerá boa parte da cualificación do alumnado desta materia, xiran arredor de tres temáticas principalmente: a mobilidade, a saúde, especialmente a relacionada coas persoas maiores, e a sustentabilidade. 

No que atinxe á mobilidade e transporte, un dos traballos propón o aluguer para estadías curtas de prazas de garaxe entre particulares; outro aposta por un sistema para actuar sobre os semáforos en función do tráfico; mentres que outro grupo deseñou un sistema lumínico para garantir a seguridade nos pasos de peóns. Entre as propostas máis innovadoras está un volante que axuda a previr a somnolencia empregando datos biométricos do condutor, aumentado así a seguridade viaria e evitando accidentes. 

Ao longo da xornada tamén se presentaron outras ideas relacionadas coa mobilidade, como unha aplicación para compartir taxi e varias propostas relacionadas coa contorna universitaria, como un sistema de lanzadeiras eléctricas para o transporte interno no campus ou unha flota de buses eléctricos da propia universidade para unir o campus de Vigo coa cidade, que solucionaría as “eivas” que os estudantes consideran que existen coa actual empresa concesionaria. Para dar resposta a este mesmo problema, os estudantes tamén presentaron unha aplicación de coche compartido para o alumnado.

Ademais do transporte, os grupos tamén traballaron en posibles solucións para os problemas de vivenda, presentando dúas aplicacións para buscar compañeiros de piso, e avanzaron na integración do alumnado estranxeiro de intercambio a través dunha App que os pon en contacto coa xente da cidade de acollida e crea eventos conxuntos. Tamén co foco posto no mocidade presentouse un sistema que permite detectar drogas nas bebidas, axudando así a xerar seguridade nas contornas de ocio da xente nova.

Os problemas relacionados co envellecemento da poboación centraron tamén varios proxectos, como un dispensador de pastillas que avisa ao usuario cando as debe tomar e leva un rexistro de tomas; un reloxo intelixente que permite manter en contacto aos maiores coas súas familias e achegados; e un innovador proxecto que aposta polo uso da intelixencia artificial para evitar os problemas de soidade dos maiores.

Por outra banda, tamén se puideron coñecer ao longo da xornada iniciativas relacionadas coa sustentabilidade, como un sistema de optimización da recolección de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) mediante puntos móbiles; outro baseado nun contador de persoas para poder apagar luces, calefacción, ordenadores, etc. nas instalacións universitarias cando non se están empregando; e unha solución ao problema das inundacións provocadas por chuvias torrenciais.

Finalmente, a xornada completouse coa presentación dunha aplicación que axuda ás persoas con deficiencia visual a ler etiquetas de letras reducida en supermercados; un colar intelixente multifuncional para cans.