DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras seis anos como directora da Escola Universitaria de Estuddos Empresariais

A Facultade de Comercio elixe a Consuelo Currás como primeira decana

Ábrese unha nova etapa na que se impulsará a formación permanente e a internacionalización

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 03/06/2022

Tras seis anos como directora da Escola Universitaria de Estudos Empresariais, Consuelo Currás acaba de ser elixida, sen ningún voto en contra, primeira decana da nova Facultade de Comercio da Universidade de Vigo. Xunto a ela, completan a listaxe de integrantes deste primeiro equipo directivo da facultade a profesora María Jesús Barsanti, como secretaria do centro, e os vicedecanos Emilio García –Profesorado e Organización-  e Jacinto González –Relacións Externas e Alumnado-, que xa formaban parte da dirección da escola, aos que se incorpora a profesora Carmen Padín, que se encargará da área de Intercambios e Relacións Internacionais, eidos dos que ata o de agora se ocupaba a profesora Araceli González, quen se manterá como enlace de Igualdade do centro.

“Somos un equipo con experiencia, pero tamén con moita ilusión para seguir adiante”, explica a nova decana, quen permanecerá ao fronte do centro outros tres anos máis. “Temos  moitos proxectos na cabeza. Evidentemente queremos seguir traballando nos temas de docencia, cunha mellora continúa dos noso grao e mestrados, que afortunadamente están funcionando moi ben, pero que sempre hai que ir actualizando, sobre todo en todo o que ten que ver coa dixitalización”, explica Currás, quen, respecto ás cuestión académicas, se amosou moi esperanzada en que o Máster de Comercio Internacional consiga nos vindeiros meses a Mención de Excelencia da Xunta de Galicia, “da que o ano pasado xa quedou ás portas”.

Máis oferta formativa: título propio de Máster en Negocio Dixital e...

Se ben se manterá unha política de continuidade con respecto aos eixes de actuación que xa se viñan formulando nos últimos anos, nesta nova etapa tratarase de intensificar, “con máis folgos se cabe”, as cuestións relacionadas coa formación permanente e a internacionalización. “Gustaríanos organizar cursos de menor número de créditos que os mestrados, pero máis especializados”, salienta a decana, ao tempo que recalca a importancia de, por unha banda, completar os contidos que se ofrecen no grao e, pola outra, ofrecerlle aos egresados e aos profesionais en activo a posibilidade de seguir formándose sobre temas que realmente están sendo necesarios no mundo da empresa e que, agora mesmo, non están sendo cubertos. En relación a esta aposta pola formación permanente o curso que vén ofertarán xa, a través da Escola Aberta de Formación Permanente, un título propio de Máster en Negocio Dixital, impulsado pola profesora Ángeles Sandoval. 

“Queremos impulsar unha especie de ecosistema de formación con múltiples cursos”, recalca Currás, quen pensa xa en novas propostas formativas, “relacionadas, por exemplo, co marketing dixital”.

... na procura de máis dobres titulacións internacionais

No eido da internacionalización, o centro leva anos ofrecendo dúas dobres titulacións internacionais con dúas universidades públicas europeas: Hochschule Bochum, en Alemaña, e a Université de Pau et des Pays de l´Adour, en Francia. Estas modalidades permiten a quen estuda o Grao en Comercio na UVigo obter dous títulos universitarios oficiais durante os catro anos de duración dos estudos, é dicir, sen ter que cursar máis anos nin máis materiais. Nesta modalidade o estudante deberá cursar un dos catro anos da carreira nunha destas universidades e, tras superar os requisitos académicos do programa correspondente en destino e orixe, obtense tamén o título do centro asociado: Bachelor Degree in International Business and Management (Hochschule Bochum) ou Licence en Economie et Gestion (Université de Pau et des Pays de l’Adour). 

“Ambas titulacións funcionan moi ben e en setembro catro dos nosos alumnos partirán cara Alemaña para pasar alí o curso”, explica a decana, quen admite que no caso francés o número de intercambios é menor, pero todos os anos hai algún. “Gustaríanos ampliar este tipo de dobres titulacións internacionais con algún centro de lingua inglesa e traballar tamén coas universidades latinoamericanas”, recalcou a recén elixida decana.

A maiores, continuará a aposta do centro por manter unha estreita relación co sector empresarial, “unha das principais sinais de identidade do centro”, e por impulsar a igualdade en todas as súas vertentes, situando tamén como un reto a conseguir o Distintivo de Igualdade da Universidade de Vigo para a nova Facultade de Comercio.