DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O docente xubilado presentou o seu novo libro ‘Libertad de expresión y daños a la Corona’

Fernando Ramos: “Pese á forma extrema de manifestalo, a queima dunha foto do rei non é un ataque persoal, é unha expresión de rexeitamento á institución”

Analiza a crise de imaxe da Casa Real e aborda o dilema entre monarquía e república

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Democracia
  • Cultura
M. Del Río DUVI 25/01/2019

A “súper protección” penal da Coroa, os ataques á súa imaxe e o exercicio do dereito á liberdade de expresión. Estes son os puntos de partida do novo libro do profesor de Dereito e Deontoloxía da Comunicación Fernando Ramos que presentou este xoves na sede de Torrecedeira da Escola de Enxeñería Industrial, nun acto patrocinado polo Consello Social da Universidade e o Departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación. O acto, no que estivo acompañado pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, contou coa presenza do catedrático xubilado da Universidade de Vigo Luis Rodríguez Ennes, que asina o prólogo, e do ex decano do Colexio Oficial de Avogados de Pontevedra, Modesto Barcia, responsable do colofón. O volume, titulado Libertad de expresión y daños a la Corona forma parte das monografías da Sociedade de Estudios Institucionales que dirixe a catedrática da UNED Dolores del Mar Sánchez, tamén presente no acto.

Trátase, como explica o seu autor, recentemente xubilado, “dun libro de dereito e xornalismo” e, ao longo das súas 368 páxinas, recolle unha “recapitulación sobre o proceso seguido para que a Lei de Sucesión de Franco se cumprise, os seus problemas e a propia política posterior de furtar ao coñecemento dos españois os trapos sucios da Coroa, ata que os xornalistas deixan de mirar para outro lado, ao sucederse, por outra parte, os escándalos sucesivos dos que daba conta a prensa estranxeira. O volume complétase cunha revisión dos procesos que se foron sucedendo por causa da Coroa ou con relación a esta”, como explica o seu autor. Ademais, con esta publicación Ramos retoma o debate sobre o dilema república-monarquía, “recordando que o referendo previo á Constitución sobre este aspecto que demandaban as forzas democráticas estivo a punto de ser convocado, pero finalmente, Adolfo Suárez no se atreveu ante as consecuencias de que triunfara a opción republicana”.

Historia en primeira persoa

O profesor Fernando Ramos foi xornalista durante 30 anos e docente universitario durante 23 e, durante o primeiro período da súa vida profesional, explica, viviu “intensamente a chamada Transición e o proceso que se puxo en marcha para impedir todo debate sobre a alternativa república-monarquía”. Á imposibilidade de celebrarse un referendo sobre a Constitución, uniuse a modificación da Lei de Prensa na que se establecía que “serían secuestrados os impresos que cuestionaran o papel do Exército, a unidade de España e supuxesen desdouro para a monarquía”. Isto permitiu, segundo Ramos, que se “entronizase sen discusión a Juan Carlos I como sucesor de Franco a título de rei”. Pero co paso dos anos foron coñecéndose determinados comportamentos do rei honorífico, “que non emérito”, así como escándalos como o de Urdangarín, a aparición da herdanza de don Juan en Suíza, as comisións do petróleo, as contas de familiares de Juan Carlos en paraísos fiscais, etc. temas todos eles que foron “un acicate para volver sobre o asunto” neste volume.

Crítica política ou crítica persoal

No libro, o profesor Ramos analiza como a protección lexislativa da que a Coroa se beneficia choca frontalmente co exercicio da liberdade de expresión. De feito, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos xa corrixiu en varias ocasións ao Tribunal Constitucional español ditaminando, por exemplo, que a queima de fotos do monarca non son constitutivas dun delito de inxurias á Coroa, senón que están amparadas pola liberdade de expresión, xa que “forman parte da lexítima crítica política, non da persoal”. O profesor Ramos engade que, “pese á forma extrema de manifestalo, a queima da foto, non se trata dun ataque persoal ao rei de España dirixido a insultar e vilipendiar á súa persoa, senón a unha denuncia do que o rei representaba como cabeza e símbolo do aparato do Estado, o que debe situarse no eido da crítica política ou a disidencia e corresponde á expresión do rexeitamento á monarquía como institución”. Polo tanto, conclúe o xornalista, enténdese que o Tribunal Constitucional español “errou ao entender que os actos cuestionados contivesen elementos que incitaban ao odio”.

Outro dos aspectos que se abordan no libro é que a actual protección penal do rei e a súa familia esténdese aos seus antepasados “e mesmo a príncipes non nacidos”, algo que historiadores de prestixio consideran “puro dadaísmo”. O artigo 146 do Código Penal de 1973 impoñía pena de prisión maior (entre seis anos  un día e doce anos) a quen inxuriase ou ameazase ao xefe do Estado, pero como explica Ramos, “en 1995, con maioría socialista, refórmase o Código Penal e as inxurias e calumnias ao rei aparecen nos artigos 490 e 491 cunha redacción sorprendente, xa que as inxurias (graves ou leves) e as calumnias á persoa do rei, os seus familiares máis directos ou incluso ascendentes ou descendentes son accións punibles da mesma importancia”. A este respecto, diversos especialistas na materia sosteñen que estes preceptos son “absurdos e inaplicables”, sobre todo, tendo en conta “o peso considerable da historia e a conducta de determinados personaxes reais que incluso chegaron a incorrer no delito de traizón, como foi o caso de Fernando VII, que felicitaba a Napoleón polas vitorias das tropas francesas”, puntualiza o docente.

Docente xubilado, xornalista activo

Tras máis de 20 anos como profesor, este curso 2018-2019 é o primeiro que Ramos pasa afastado das aulas, pero na súa outra faceta profesional, “un xornalista non se xubila nunca” e segue a escribir na prensa diaria e en medios dixitais. O que si recoñece que bota en falta é o contacto diario co alumnado, do que “tanto se aprende humanamente”. Con todo, agarda poder seguir colaborando coa Universidade de Vigo para poder darlle continuidade ao curso complementario de protocolo, que viña organizando dende hai 18 anos, sendo o de maior antigüidade e alumnado da Universidade de Vigo.